Galicia contará para 2019 cuns presupostos expansivos e prudentes, para consolidar unha recuperación econòmica integradora
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/presideante.jpg)
Logo da aprobación no Consello do proxecto de lei de Orzamentos para o 2019 –que irá acompañado do correspondente proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas– Feijóo subliñou, en primeiro lugar, que a Xunta aproba un ano máis en tempo e forma os Orzamentos, que de inmediato entrarán no Parlamento para o inicio da súa tramitación, cumprindo os prazos que marca a normativa da Comunidade.
Así, os presupostos aprobados dispoñen de 9.850 millóns de euros para atender as necesidades sociais e económicas de Galicia, e para facelo con dous obxectivos: ser capaces de consolidar e reforzar a recuperación económica, que foi progresiva e constante nos últimos tres anos; e tomar as decisións adecuadas para non comprometer esa recuperación no futuro a medio prazo, nun momento no que hai inquedanza a nivel nacional e internacional respecto ás previsións económicas.
Máis polo miúdo, o titular da Xunta precisou que Galicia disporá de 363 millóns de euros máis que este ano, o que supón un aumento do gasto do 3,8 % en comparación cos presupostos vixentes. Non en van, este é o cuarto ano consecutivo que se aproban uns orzamentos á alza. “Este é o orzamento máis alto desde 2010”, engadiu Feijóo.
Ademais, afirmou que o Goberno galego manterá o criterio acerca da necesidade de reducir o endebedamento da Comunidade. Por iso, o único capítulo de gasto que baixa nos orzamentos do próximo ano será o de xuros de débeda: reducíndose un 2,5 % en comparación co exercicio vixente. Isto permitirá, precisou Feijóo, un aforro de 5 millóns de euros que se deixarán de gastar en financiarnos e que, por tanto, poderanse investir en beneficios para os galegos”.
Menos impostos
En materia de impostos, o responsable do Executivo autonómico reiterou que a Xunta manterá as rebaixas fiscais actualmente en vigor e aprobará catro novas baixadas de impostos. A primeira, a baixada do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais no caso de vivenda usada habitual para que Galicia se sitúe no grupo das comunidades coa menor tributación neste eido –xunto a Canarias, Castela a Mancha e Madrid-.
Así, con carácter xeral pagarase case un 13 % menos por mercar vivenda usada, xa que pasa do 8 ao 7%. E o aforro será aínda maior, un 25%, no caso dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade (pasa do 4 ao 3%).
En relación á segunda medida, Feijóo destacou a baixada do Imposto sobre Sucesións para as herdanzas entre irmáns, de xeito que: igual que o 99 % dos galegos xa non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun descendente, ascendente ou cónxuxe, o 60% das herdanzas entre irmáns tamén quedarán exentas de tributación, xa que se amplía de 8.000 a 16.000 euros o mínimo exento, mentres que o 40% restante pagará menos.
“Seríamos a segunda comunidade autónoma, Cantabria e Galicia, onde menos impostos se pagarían polas herdanzas entre irmáns”, salientou o titular do Goberno galego.
Así mesmo, reverterase a suba do Imposto de Patrimonio que se aprobara en 2013 por mor da crise, polo que Galicia volverá ter a mesma tributación que a que ten o Estado e a mesma que comparten outras tres comunidades –Canarias, Castela e León e Castela A Mancha–. “E a mesma que aplicou o anterior Goberno bipartito e nós na primeira lexislatura”, engadiu o presidente. Mantense o mínimo exento en 700.000 euros, igual que o Estado, e redúcese un 20% a tarifa, é dicir, os tipos que se aplican segundo a base liquidable.
Aprobaranse ademais novas deducións fiscais para incentivar a innovación, de xeito que tamén pagarán menos impostos as persoas que invistan en pemes innovadoras e empresas de base tecnolóxica: amplíase a dedución do 20% ao 30% no IRPF para o investimento ou adquisición de accións ou participación en novas entidades, unha dedución que medrará nun 15% adicional se o beneficiario ten o selo de peme innovadora ou base tecnolóxica.
As persoas que fagan doazóns para investigación tamén pagarán menos impostos, xa que a actual dedución que afecta a centros de investigación adscritos a universidades ou participados pola Xunta, amplíase a todas as entidades sen fins lucrativos que se dediquen á investigación.
Prioridades claras
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse ás prioridades de actuación para o próximo ano. Así, precisou que o incremento de recursos que proporcionan estes presupostos permitirán, en primeiro lugar, reforzar noutros 270 millóns de euros o gasto social, que concentra a maior parte do aumento do gasto no ano 2019.
En concreto, Sanidade e Educación recibirán 203 millóns máis dos orzamentados neste exercicio, o que supón que estas dúas áreas prioritarias beneficiaranse de máis da metade -o 56%- do aumento da capacidade de gasto da Administración galega.
Tamén cómpre destacar a partida de 383 millóns de euros para dependencia -14 máis que neste ano-, a ampliación da cobertura da Tarxeta Benvida, ou o incremento dos recursos da Risga ata os 64,4 millóns, ao medrar o importe por beneficiario e facelo compatible con ingresos por traballo.
No relativo ao emprego, e especialmente ao emprego de maior calidade, o responsable do Executivo autonómico destacou o obxectivo de crear en 2019 uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo, para o que se incrementarán nun 7% os fondos destinados a este eido, o dobre do que crece o Orzamento, ata superar os 254 millóns.
A innovación tamén xogará un papel clave na economía e no emprego, e por iso: os recursos para a innovación se incrementarán un 14%, ata chegar a case 129 millóns; e aumentará o apoio empresarial, cun incremento do 15% nas axudas ao investimento nas empresas, que superan os 45 millóns.
No eido económico, tamén se reforzarán as partidas para un sector clave como é o turismo, con 41,4 millóns, e cunha dotación específica para o Xacobeo 2021.
O titular da Xunta quixo destacar tamén o compromiso co sector primario, cunhas contas que inclúen 29 millóns de euros para reforzar o apoio á industria agroalimentaria. En canto ao eido do mar, resérvanse 66 millóns para o programa de competitividade e mellora da calidade de produción pesqueira e de acuicultura.
Por último, Feijóo salientou que os orzamentos inclúen unha forte aposta polos investimentos e, de feito, os gastos de capital aumentarán un 5,3%, ata chegar aos 1.652 millóns. O obxectivo da Xunta é que Galicia siga estando entre as comunidades que realizan un maior esforzo investidor, dixo, ao que engadiu a previsión de aplicar o vindeiro ano un incremento salarial do 2,4% para todos os empregados públicos da Comunidade.
“Se sumamos a este 2,4 %, que é o que suben todos os empregados públicos, o que suben como consecuencia dos acordos sindicais en Xustiza, Educación e Sanidade nos situamos nun incremento salarial do 3,4 % no gasto de persoal”, explicou. Con todo, esta suba salarial do 2,4% aplicarase no momento en que a Administración galega conte con habilitación legal do Estado.
No que respecta á aprobación da Lei de acompañamento de medidas fiscais, subliñou varios asuntos. En primeiro lugar, o compromiso da Xunta cos veciños de Tui, despois de que as axudas a afectados da explosión de Paramos quedaran exentas de tributar o IRPF.
Acto seguido, referiuse ao emprego público. En primeiro lugar, á ampliación do permiso de maternidade de 22 a 24 semanas, o que sitúa a Galicia como a comunidade co maior permiso de maternidade de España. En segundo lugar, á restitución do 100% do salario no caso de incapacidade temporal e, en terceiro, á modificación da lei de emprego para a carreira profesional na Administración xeral. “E prevemos, no caso de chegar a acordo cos sindicatos, unha carreira profesional para os empregados públicos da Administración Xeral, xa pactada en educación, sanidade e xustiza”, precisou.
“Trátase de cumprir cos compromisos do Debate sobre o Estado da Autonomía, os acordos sindicais asinados estes últimos meses e outros compromisos feitos públicos ao longo deste ano”, finalizou.
R.