O entroido de Xinzo de Limia, primeiro entroido galego de interese turístico internacional
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/xinzo_entroido.jpg)
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo acaba de outorgar esta declaración, culminando así un proceso que a Xunta de Galicia vén apoiando nos últimos anos. O Entroido de Xinzo de Limia únese así á Festa do Albariño de Cambados –recoñecida o ano pasado con esta distinción- a festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.
No modelo turístico galego, estas celebracións ocupan un lugar destacado. Por iso a Xunta mantén unha colaboración estable, dedicando tamén ao completo unha das 11 liñas da Estratexia do Turismo de Galicia 2020 a potenciar os valores que fan diferente o destino galego, onde se inclúe o coidado do enfoque turístico das celebracións festivas galegas.
Once festividades
Os entroidos son unha das maiores riquezas do patrimonio cultural de Galicia e unha das manifestacións populares máis importantes do ano que contribúen a acrecentar o atractivo turístico da Comunidade tamén durante o inverno. Xunto a Xinzo de Limia, tamén ten recoñecemento de interese turístico –neste caso nacional– o entroido de Verín. Sete máis son de interese turístico de Galicia: Viana do Bolo, Cobres, Laza, Manzaneda, Xenerais da Ulla –que comprende ata nove concellos–, Maceda e Vilariño de Conso.
Todas estas festividades son un dos máis importantes recursos turísticos cos que conta Galicia, que suma 141 distincións entre as de Interese Turístico Internacional (11), as de Interese Turístico Nacional (dez) e as de Interese Turístico de Galicia (120).
R.