ArtesaCía representa a comedia ‘Chola a it girl’ dentro do programa de residencias artísticas do CDG
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/chola_it_girl.jpg)
Seguindo o estilo dos shows de coñecidos monologuistas, nesta comedia Laura Villaverde dálle vida á gran influencer galega Chola, cuxos trucos de beleza 100% ecolóxicos arrasan en YouTube. Agora é contratada por un teatro para realizar o seu primeiro titorial en directo, no que revelará en 10 sinxelos pasos os trucos para converterse nunha ‘It Girl rectificada’: youtuber, blogueira, mecánica de coches, traballadora do rural e piloto de rallys, ao volante do automóbil co que comparte escenario. Pero todo dá un xiro cando a protagonista recibe unha chamada en directo que a levará a confesar a súa faceta máis oculta e porá en evidencia as súas imperfeccións e humanidade, atributos nos que radica o seu éxito.
No Salón Teatro, representarase desde mañá xoves ao sábado, ás 20,30 h, e o domingo, ás 18,00 h. Ademais, tras a función de mañá terá lugar un encontro co público, no que os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións sobre o espectáculo co equipo de ArtesaCía.
A venda anticipada de entradas xa está operativa en entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443 a un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) de xoves a sábado e de 5 euros o domingo (tarifa única do Día do Espectador). Poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións.
R.