Isidoro Valcárcel ofrece en 'Escenas do cambio' unha peza creada 'ex profeso' para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/museo_do_pobo_galego_2.jpg)
A presenza de Isidoro Valcárcel en ‘Escenas do cambio’ tamén se completou cun obradoiro durante a primeira semana do festival, que lles permitiu aos e ás participantes contar cun mestre de luxo, cunha traxectoria ampla e referencial para varias xeracións de artistas en España e que se caracteriza por unha arte arriscada que fai pensar ao espectador, á vez que o sorprende.
Peza con adolescentes non profesionais
A programación de ‘Escenas de cambio’ continuará este xoves, día 14, con ‘Gatillo da felicidade’ (‘Trigger of happiness’), dos aclamados portugueses Ana Borralho e João Galante. Os creadores do exitoso ‘Atlas’, que se puido ver na edición de 2015 do festival, subirán ao escenario do Teatro Principal de Santiago a adolescentes non actores de Compostela —con idades comprendidas entre 18 e 23 anos— para que expoñan o seu xeito de ver e entender a vida, nunha posta en escena orixinal e cun punto perturbador, ao emular unha especie de ruleta rusa, pero cunha pistola de polvos de cores.
Esta segunda quenda da programación do festival permitirá ver a destacados artistas da danza contemporánea internacional como Alessandro Sciarroni, Tino Sehgal e Ligia Lewis. Estes dous últimos serán serán os encargados de pechar ‘Escenas do cambio’ con ‘Sans titre (2000)’ e ‘Minor matter’, respectivamente, e que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional.
Máis peso da danza
Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival, cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade, xa que o venres poderase ver xunto a ‘Chroma (35’)’, de Alessandro Sciarroni —Premio León de Ouro pola súa carreira na Bienal de Venecia— o orixinal traballo de Flora Détraz en ‘Tutuguri’ e o vestido-danzante de Ola Maciejewska en ‘Loie Fuller: Research’.
R.