Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Cidade da Cultura pon o foco na calidade e recoñecemento da artesanía galega na súa vindeira exposición 'Pensar coas mans'

Trátase dunha viaxe da actualidade ás orixes, centrándose nas especialidades do ‘feito a man’ como a cestería, cerámica e xoiería. Para facer este percorrido, fíxose unha escolma de 250 pezas provenientes de 65 artesáns, (24 xoieiros, 17 ceramistas, 13 artistas de cerámica e 8 cesteiros), 14 museos e 10 coleccionistas privados, así como creacións do alumnado das escolas de Arte e Superior e Deseño ‘Mestre Mateo’ de Santiago de Compostela e a ‘Ramón Falcón’ de Lugo e contouse tamén coa colaboración da Fundación Pública Artesanía de Galicia, que pertence á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

“Pensar coas mans permitirá contemplar a evolución e pervivencia da tradición nestas tres especialidades históricas, que están na cerna da nosa sinal de identidade”, subliñou hoxe o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa para dar a coñecer a futura exposición que chega, ao seu entender, no “momento máis oportuno”. Neste senso, argumentou que as tendencias internacionais están “volvendo a ollada” cara á artesanía, “atopando na autenticidade do feito a man e na conexión dos materiais co territorio un selo de calidade e unha identidade, que marca a diferencia fronte á produción en serie”.

Valor artístico, cultural, antropolóxico e económico

Anxo Lorenzo avanzou o contido da exposición xunto á directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a comisaria da mostra, Verónica Santos; e da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, quen puxo o foco no “valor económico —ademais do artístico, cultural e antropolóxico— da artesanía en Galicia”, xa que recordou que xera “máis de cinco mil postos de traballo, maioritariamente femininos”. Neste sento, e tendo en conta que se trata dun sector con alta especialización feminina, Pensar coas mans conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade. Finalmente, Vázquez Abeal incidiu durante a súa intervención na fixación da poboación no rural que supón esta actividade económica.

Precisamente, na rolda de prensa tamén estivo Enrique Táboas, último artesán especialista nunha técnica tradicional da cestería con láminas de madeira, quen incidiu na figura do artesán na transmisión de oficios a punto de desaparecer e na súa importancia para crear emprego e incrementar poboación no rural. Neste senso, gabou o convite á reflexión que fai a mostra sobre as consecuencias da desaparición de oficios pola falta de recambio xeracional e advertiu sobre o que isto significa en termos de perda de identidade.

Artesáns e artesás de renome internacional

Sobre os artesáns e artesás participantes nesta escola, a comisaria da mostra destacou que Pensar coas mans permitirá admirar xuntas no Museo Centro Gaiás pezas de autores/a ou talleres de “gran renome internacional” como é Idoia Cuesta, cuxa innovación na cestería espertou o interese de firmas como Loewe, coa que colaborou; ou de Ojea Studio e Cerámica Suve, cuxas vaixelas son empregadas na alta cociña de chefs como Pepe Solla, Pepe Vieira ou Carme Ruscalleda; ou Madriguera Workshop, que vén de participar na Maison & Objet de París, feira internacional no eido da decoración.

Da mesma forma, Verónica Santos adiantou que a arte e a cerámica terán unha “especial presenza” na mostra; xa que a escolma das e dos artistas cerámicos estará presidida polo galego Xabier Toubes, un dos seus máximos representantes, quen dirixiu durante anos o European Ceramic Work Centre de Holanda. Así mesmo, fixo fincapé en que completarán este desfile recoñecidos xoieiros/as como Marta Armada, Susi Gesto ou Noroeste Obradoiro, entre outros.

Intervención de Izaskun Chinchilla

Débese destacar que a exhibición das pezas contemporáneas das tres artesanías estará presente nunha espectacular intervención da recoñecida arquitecta Izaskun Chinchilla, que estará baseada nas 7 lámpadas de arquitectura do teórico da arte e arquitectura John Ruskin. O traballo desta arquitecta, investigadora e docente en diversas universidades europeas, atopa moitos puntos de conexión coa filosofía do “feito artesán”, ao que se achega desde a súa preocupación pola sustentabilidade, a ecoloxía e a socioloxía, en canto a súa atención aos cambios nos modos de vida.

A intervención de Izaskun Chinchilla consiste en sete unidades espaciais de base circular con cúpula en altura, que acollerán ademais obradoiros, charlas-taller, demostracións artesanais, proxeccións audiovisuais, visitas didácticas...

Obradoiros todas as fins de semana

Deste xeito, Pensar coas mans ponse en marcha como unha mostra non só para ver, senón tamén para facer. Cada fin de semana, o Museo Centro Gaiás converterase nun grande obradoiro aberto ao público, onde ‘mestres’ e ‘mestras’ das diferentes especialidades realizarán talleres sobre cerámica, cestería e xoiería, organizados pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. O obxectivo é estimular non só o gusto polos obxectos artesáns, senón tamén a práctica destas técnicas tradicionais. Algúns destes obradoiros requiren inscrición previa, xa dispoñibles na páxina web artesaniadegalicia.xunta.gal

Finalmente, a viaxe ao pasado destas tres artesanías chegará ata a Prehistoria, con achados e pezas nos que se amosarán tamén as creacións e tendencias desde a Idade Media ao Barroco, aínda que a atención máis especial desta exposición caerá nas creacións tradicionais en cestería, cerámica e xoiería, co obxectivo de amosar a súa rica e prolífica tipoloxía.
R.