O Transporte Público de Galicia activa as 'paradas seguras' en horario nocturno nos servizos de autobús interurbano en 85 concellos galegos
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/bus.jpg)
O Plan de transporte público de Galicia, que comezará a funcionar o vindeiro mes de agosto, permitirá a posta en marcha destas paradas en horario nocturno en case 2.000 liñas de autobús de Galicia.
Non obstante, mentres non entran en vigor as novas concesións, o Goberno galego xa lles trasladou unha proposta de protocolo ás empresas concesionarias para que poidan poñer en marcha xa esta iniciativa. Así, unhas oito empresas xa comunicaron a adhesión a este protocolo e trasladaron que teñen servizos na franxa comprendida entre as 22,00 e as 07,00 horas.
Esta medida contempla como posibles beneficiarios ás mulleres, ás persoas maiores, aos menores que viaxen sós e aos viaxeiros con mobilidade reducida.
Ademais, o plan tamén prevé o funcionamento de varias liñas con horarios nocturnos adaptados ás quendas de determinados grandes centros de traballo.
O Goberno galego continúa a avanzar no proceso de renovación do mapa de servizos de autobús interurbano de Galicia mediante unha planificación que culminará este ano.
Esa modernización do transporte público seguirá o camiño iniciado en agosto de 2017, cando as renuncias das empresas a seguir prestando boa parte dos servizos de autobús obrigaron á Xunta a pór en marcha un novo plan de servizos temporais ata este verán, e que agora afronta unha renovación que se estenderá ao conxunto da comunidade.
R.