A Semana Santa galega chega este ano co maior número de festas de interese turístico
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/semana_santa_galicia.jpg)
Durante a súa intervención, Nava Castro recordou que a nosa Comunidade conta con dúas festas recoñecidas coa máxima distinción que poden acadar no eido turístico. As de Ferrol e Viveiro son de Interese Turístico Internacional e seis máis son de Interese Turístico de Galicia: Betanzos, Cangas, o Santísimo Cristo de Fisterra, Mondoñedo, Paradela e Santiago de Compostela.
Neste sentido, salientou a importancia da Semana Santa da capital galega, que se estreará este mesmo ano co recoñecemento de Interese Turístico de Galicia, tras telo acadado o pasado ano. Tamén outras localidades avanzan neste proceso, como é o caso da Semana Santa de Lugo, á que o Consello de Turismo deu o visto bo, como paso previo para ser elevado a Consello da Xunta, órgano responsable da declaración definitiva.
Nava Castro salientou o esforzo e traballo das diferentes confrarías galegas “por saber facer que tradicións como estas convivan perfectamente co pasado, co presente e tamén co futuro, ao tempo que se converten en importantes atractivos para os viaxeiros”, indicou.
Ademais do encontro-coloquio, a iniciativa da Xunta de Confrarías de Santiago de Compostela inclúe tamén unha exposición en San Domingos de Bonaval durante esta fin de semana, onde se expoñen hábitos, estandartes e diversos obxectos de confrarías. Proporciónase tamén información de interese, datos e peculiaridades sobre as mesmas. A entrada é de balde e está aberta hoxe de 10,00 a 18,00 e mañá de 10,00 a 14,00 horas.
R.