Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Cidade da Cultura abre ao público o novo espazo verde do Xardín do Teatro

En total, esta nova área verde inclúe 3.840 plantas e 187 árbores de 30 especies procedentes de zonas con clima oceánico e temperado, de países como Xapón, Nova Zelandia, a costa noroeste dos Estados Unidos ou a costa sur de Chile. Ademais, conta con tres estanques, un anfiteatro ao aire libre con capacidade para preto de 400 persoas, áreas de xogos, equipamento para deportes urbanos como escalada e skate, así como 400 metros de sendeiros e puntos de descanso.

Na escolma das árbores, ademais do criterio xeográfico e de adecuación ao clima de Galicia, buscáronse especies que ofrecesen contrastes cromáticos atractivos na cor das follas nas distintas estacións. Todas son de folla caduca, con porte entre 15 e 25 metros e con forte coloración no outono, de xeito que os verdes da primavera mudarán en mesturas de vermellos, laranxas, amarelos, cobres ou púrpuras. Así, o visitante atopará pradairos, carpes, faias, lodoeiros, acacias, olmos, freixos, árbores do ferro, ademais de carballos, salgueiros, bidueiros ou ameneiros, entre outras variedades.

En canto ás herbáceas, no xardín medrarán plantas aromáticas que enriquecerán a visita cunha compoñente olfactiva (xasmín, romeu, salvia, lavanda...). Xunto a elas, atópanse tamén especies acuáticas (xuncos, xacintos de auga...) e rubideiras (hedra, parra...), que gabearán cubrindo parte das estruturas de obra xerando unha integración co conxunto de proxecto.
R.