O Gaiás celebrará o 25 de maio 'Cidade Rompetiño', un encontro de cultura urbana para xente moza con música e deportes de acción

Cidade Rompetiño supón que Galicia sexa anfitrioa, por vez primeira, dun evento destas características e que implica, á vez, ter a oportunidade de acoller a primeira final do Campionato Nacional de carácter oficial, que se celebrará ao aire libre na Praza Central da Cidade da Cultura e no que participarán medio cento de mozos de toda España. Trátase, por tanto, dunha proba moi importante e de gran relevancia neste deporte urbano.
A Cidade da Cultura de Galicia organiza este encontro xunto a Rompiente Clothing e conta coa colaboración da Real Federación Española de Patinaje. Estes promotores realizaron por vez primeira en Porto do Son, o pasado ano, un festival de cultura urbana de similares características a Cidade Rompetiño durante tres días, coa asistencia de 15.000 persoas. Un éxito que os leva a repetir este mesmo ano no mes de xullo nesa vila do Barbanza, á vez que a organizar este encontro en Santiago de Compostela para arroupar a celebración no complexo do Gaiás da primeira final do ‘Campionato oficial de España de Scooter Freestyle’.
Demostracións de parkour, breakdance e zona de restauración
O recentemente aberto Xardín do Teatro será o escenario de moitas das actividades de Cidade Rompetiño. Este novo espazo verde, de 11.574 metros cadrados, conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza.
Deste xeito, trátase da zona do Gaiás máis axeitada para festexar un evento como Cidade Rompetiño. En concreto, o Xardín do Teatro acollerá ao longo da xornada do sábado 25 de maio o Campionato breakdance coa participación de figuras galegas neste estilo de baile urbano e tamén será o escenario escollido para a exhibición de deportes como parkour, skate e Bmx.
De igual forma, realizaranse ao longo de todo o día un Rompetiño Parkour, ideado para os afeccionados con exhibicións e un parkour de obstáculos, cuxo enxeño e técnica supón sempre un abraiante espectáculo visual. Completarán a xornada actuacións de música ao vivo e un servizo de restauración, con foodtrucks. Finalmente, e fóra do Gaiás, a Cidade Rompetiño porá punto e final á xornada competitiva e de demostracións deportivas na Sala Malatesta, no centro de Compostela, cunha batalla de galos entre os rapeiros Lopes, Fusa Nocta e Erin DJ Set.
R.