A campaña Quere o teu mercado chegará a 86 prazas de abastos de Galicia baixo o lema Preto do teu corazón
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/quere_o_teu_mercado.jpg)
Vázquez explicou que a Xunta, no seu propósito de promover os mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras leva a cabo, por quinto ano consecutivo, esta actuación de carácter internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos.
Deste xeito, baixo o lema Preto do teu corazón, realizaranse ata o próximo 25 de maio unha serie de eventos nos mercados dos países e cidades participantes para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade.
Trátase, en palabras da directora xeral, de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.
En colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras, celebrarase, ademais, o Día do mercado, que, a proposta dos propios praceiros e praceiras, terá lugar o sábado 25 de maio. Máis de 3000 praceiros e praceiras organizarán todo tipo de eventos para poñer en valor os produtos de calidade dos seus mercados como degustacións gastronómicas, showcookings ou obradoiros de cociña, concursos de tapas e exhibicións de pratos elaborados con produtos do mercado.
Tamén aproveitarán a campaña para converter as prazas de abastos e mercados en verdadeiros espazos de diversión con actuacións musicais de grupos tradicionais e locais, visitas guiadas para os escolares e outras actividades de ocio como sorteos e sesións de baile.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos.
A información da campaña pódese atopar a través da páxina web http://www.quereoteumercado.gal/ ou ben a través do Facebook https://www.facebook.com/quereoteumercado. ou do instagram @quereoteumercado. Precisamente nestas redes sociais poderase apoiar á campaña compartindo fotografías realizadas nas prazas de abastos galegas.
Sol Vázquez animou a todos os asistentes a sumarse a esta campaña coa que, en definitiva, se busca dinamizar estes espazos achegándose á cidadanía para potenciar a compra do produto local, ademais de poñer en valor o bo facer dos profesionais.
R.