O Parlamento aproba a Lei de Patrimonio Natural para avanzar na protección e conservación da Galicia verde e azul

O novo marco lexislativo virá substituír e actualizar á Lei de Conservación da Natureza, cunha vixencia de 18 anos que facía necesaria a súa adaptación á lexislación básica estatal para modernizar o marco normativo galego nesta materia e substituílo por outro capaz de responder aos problemas e necesidades detectados nas dúas últimas décadas.
Entre os obxectivos principais da nova lei figuran consolidar a prevalencia da protección medioambiental sobre a ordenación territorial e urbanística; garantir a conservación, o uso sostible, a mellora e a restauración do patrimonio natural e da biodiversidade galegas; e fomentar a información pública e os mecanismos de participación da sociedade no deseño e execución das políticas desta área.
Para acadar estes fins e partindo da necesidade de compatibilizar a protección transversal da natureza co seu uso e desfrute por parte da cidadanía, o texto incorpora diferentes ferramentas e novidades desde o punto de vista regulamentario, así como novas figuras de protección. É o caso das microrreservas, unha figura que se crea para aqueles espazos naturais cunha superficie de menos de 20 hectáreas con especies ameazadas ou hábitats raros; ou o espazo protexido da Rede Natura 2000, que inclúe as zonas LIC, ZEC e ZEPA e lles dará un maior grao de protección ao incorporalos, por lei, na Rede Galega de Espazos Protexidos.
Tamén se amplía e modifica o ámbito dos Espazos Naturais de Interese Local (ENIL), que de acordo coa lei poderán abranguer máis dun concello; e establécese que a declaración dun novo espazo protexido levará aparellada a aprobación do correspondente instrumento de planificación, que terá unha vixencia indefinida, agás no caso dos Plans Reitores de Uso e Xestión, que como mínimo estarán en vigor durante unha década.
Polo que respecta á protección da biodiversidade, cómpre lembrar que en Galicia hai identificadas a día de hoxe 126 especies vulnerables e 76 en perigo de extinción. Para garantir a súa conservación, créase por lei o Listado de especies silvestres de protección especial, regularase por primeira vez a conservación e cría de especies fóra do seu hábitat, farase un Catálogo de hábitats en perigo de desaparición, e fixarase un conxunto de prohibicións relativas a aquelas prácticas lesivas, agresivas ou que poidan molestar ás especies silvestres animais.
O texto tamén introduce cambios substanciais en materia sancionadora, desde unha nova tipificación das infraccións, simplificada e na que desaparecen as de carácter menos grave, ata un endurecemento da contía das multas, que nos casos máis extremos multiplicaranse por sete respecto á lei actual.
Na mesma liña, o novo marco normativo fai especial fincapé na reparación do dano causado e na restauración dos elementos naturais que se poidan ver alterados ao seu estado anterior. Así, contempla unha redución do 20% das sancións en caso de que o infractor admita a súa responsabilidade.
R.