Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

21 núcleos de poboación de toda Galicia amosan o seu interese por converterse en aldeas modelo fronte os lumes forestais

Un total de 21 núcleos de poboación de toda Galicia, que corresponden a unha vintena de concellos, amosaron xa o seu interese por converterse en aldeas modelo fronte os incendios forestais. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita ao núcleo de Osmo, no municipio ourensán de Cenlle, a onde se desprazou para supervisar os traballos de limpeza de biomasa que se están levando a cabo no marco do convenio de protección das aldeas. O conselleiro estivo acompañado nesta visita polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, e polo alcalde de Cenlle, Gabriel Alén.

Neste acto, José González destacou que Osmo foi declarada como a primeira aldea modelo de Galicia, polo que felicitou aos seus veciños e ao alcalde por tomar esta iniciativa que, dixo, é un exemplo para toda a nosa comunidade. O titular de Medio Rural explicou que, unha vez feita a tramitación previa e conseguida a autorización de todos os propietarios, empezan agora os labores de limpeza. En concreto, nesta aldea limparanse arredor de 30 hectáreas para protexer os veciños dun posible lume forestal e farase por última vez, xa que o obxectivo é crear actividade agrogandeira para evitar ter que desenvolver estes traballos cada ano, de forma que se cree unha devasa natural fronte os incendios.

Así mesmo, o conselleiro salientou que Cenlle é un dos 226 concellos xa adheridos ao convenio e sinalou tamén que calquera dos municipios incorporados pode facer a solicitude de crear aldeas modelo. Nelas, a Xunta fará a limpeza se hai acordo entre os propietarios dos terreos e agricultores e gandeiros para a posta en produción das terras, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Ademais, o conselleiro puxo en valor que na provincia ourensá xa están adheridos ao convenio máis do 80% dos concellos (ata 78 municipios).

Precisamente, José González indicou que Medio Rural compatibiliza este labor de prevención “para facer máis resilientes as aldeas fronte o lume” cos traballos de vixilancia e extinción. Neste sentido, felicitou aos profesionais que loitan contra os incendios e agradeceu o seu esforzo e eficacia, especialmente nos últimos días, nos que se rexistrou unha elevada actividade incendiaria coincidindo cunhas condicións meteorolóxicas moi adversas, con forte vento do nordés. Nesta mesma liña, lembrou que nestes días púxose en evidencia a eficacia dunha adecuada xestión da biomasa para previr os lumes e defender as aldeas, algo que tamén trasladaron algúns representantes municipais ao pé dos incendios.

Compromiso da Xunta

José González lembrou o compromiso da Xunta, adquirido a través deste convenio, de que todos os terreos incluídos en faixas secundarias de parroquias priorizadas estean limpos este ano. Isto significaría, explicou, que naquelas parcelas nas que os propietarios non se teñan adherido ao convenio ou cumprido coa súa obriga de limpar os seus predios, Medio Rural entrará a traballar de xeito subsidiario. Polo tanto, remarcou, a Xunta vai limpar as 4.500 hectáreas comprometidas pertencentes ás faixas secundarias das 70 parroquias priorizadas de 35 concellos.

Neste sentido, o conselleiro sinalou ademais que xa se comezou coas notificacións nas parroquias priorizadas destinadas a aqueles particulares que non cumpriron coas súas obrigas nin se adheriron ao convenio. Empezouse naqueles concellos que xa dispoñen do plan municipal de prevención e extinción e do visor, que lles permite aos gobernos locais coñecer as parcelas que compoñen as faixas secundarias do seu municipio, así como os seus titulares catastrais. Ademais, dixo que os 97 concellos que xa contan co plan municipal de prevención dispoñen tamén da aplicación informática “Xesbío”, para xestionar os incumprimentos e notificacións vinculados á xestión de biomasa forestal na contorna das vivendas.

Finalmente, o conselleiro insistiu en que o obxectivo que se persegue é que, en caso de lume, os bens e os propios veciños estean protexidos. Neste sentido advertiu que se percibe un cambio de actitude, xa que os particulares están máis implicados porque saben da importancia de que as súas parcelas estean limpas.

O fin último de todas estas actuacións, segundo trasladou José González, é fomentar unha axeitada ordenación do territorio, para reforzar a súa defensa fronte os incendios e, ao tempo, crear tamén nel actividade agrogandeira e darlle así valor engadido “para fixar poboación e construír así o rural do futuro”.
R.