Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo das Peregrinacións de Santiago presenta a súa programación cultural pensada para todos os públicos

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á presentación da programación do Museo das Peregrinacións e de Santiago para este outono, que busca converter as instalacións nun espazo destinado a todos os públicos.

O centro museístico porá en marcha a segunda edición de Museo en familia, un programa de actividades que presta especial atención aos máis pequenos da casa así como aos seu contorno familiar. Neste sentido, ao longo deste trimestre conxugarase unha oferta cultural na que contacontos e artistas ofrecerán unha alternativa, musical e didáctica para os seráns. A iniciativa acollerá as actuacións musicais de Magín Blanco, Coralie Yap Chine, Mielitza, Rafa Fernández e Rosalía Cid e Juanma Varela; as sesións de contacontos O Paroleiro e Camiño de contos, e obradoiros sobre froitas e verduras, cómics ou monicreques. Tamén se realizarán percorridos guiados polo museo con contacontos e o espectáculo familiar de Xarope Tulú, Estrafalaria.

A programación cultural tamén contempla a realización de actividades de extensión cultural que permitan difundir os fondos da biblioteca do museo e dar a coñecer os seus servizos a través do programa Biblioteca en acción. Para iso, o museo cede parte do seu terceiro andar co obxecto de achegar a biblioteca aos visitantes e facelos partícipes da súa actividade. No marco desta iniciativa organizaranse mostras bibliográficas de temática variada e hoxe presentouse a primeira delas: as guías do Camiño, que amosará a primeira guía coñecida do Camiño de Santiago, o Libro V do Códice Calixtino e un pequeno folleto de consellos sanitarios para camiñantes, entre outros.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago tamén potenciará a interacción cos visitantes a través das redes sociais con seis rutas temáticas en Instagram entre os meses de novembro do 2019 e marzo do 2020 e que son as seguintes: Xacobea, Arqueolóxica, Iconografía de Santiago (Apóstolo, peregrino e guerreiro), os Camiños de Santiago, A Muller no Museo das Peregrinacións e de Santiago e A peregrinación como fenómeno universal. Cada unha delas está vinculada con sete obxectos emblemáticos da liña temática que están expostos nas salas do museo, polo que o visitante poderá facer o seu roteiro con total liberdade.
R.