A primeira edición do festival 'Audacia' pon o foco na arte urbana, o feminismo, a banda deseñada e a muller emprendedora
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/cdc-audacia.jpg)
Foi da man, por exemplo, de creadoras como Janet Novás, seguramente a bailarina contemporánea galega máis internacional, cunha destacada traxectoria na experimentación e na auto-investigación, que compartiu co público asistente os pormenores do seu proceso creativo. Os asistentes a Audacia tiveron tamén a oportunidade de gozar do seu espectáculo Mercedes mais eu, realizado en colaboración coa compositora Mercedes Peón e no que ambas exploran as relacións particulares que se establecen entre a danza e a música, desde unha sensibilidade nada arquetípica.
Tamén tivo un espazo moi destacado no encontro O teu Xacobeo, o programa posto en marcha pola Xunta de Galicia que está a impulsar máis de 350 iniciativas en toda Galicia co obxectivo de involucrar a toda a cidadanía na programación do vindeiro Ano Santo. Así, os promotores de 14 destes proxectos puideron presentar as súas iniciativas dentro do espazo expositivo. Entre as propostas que se deron a coñecer houbo proxectos de ámbitos tan diversos como festivais musicais, experiencias audiovisuais interactivas, teatro, experiencias gastronómicas, ou programación infantil, todas elas co Camiño de Santiago como eixo común.
Arte urbana, banda deseñada e emprendemento creativo
Tamén foron relatoras destacadas deste sábado na Cidade da Cultura a recoñecida deseñadora e directora de arte Uqui Permui, con máis de 25 anos de traxectoria no seu estudo de deseño, ou as promotoras de 7H Cooperativa Cultural, que presentaron a súa multipremiada iniciativa Elas tamén pintan, que se desenvolve no campo da acción cultural pola igualdade pondo de relevo a arte urbana realizada por mulleres.
O debuxante Miguelanxo Prado, un dos creadores galegos de banda deseñada máis recoñecidos e internacionais, e as emprendedoras de Anaquiños de Papel completaron a oferta de conferencias do auditorio principal do evento, que contou tamén cun espazo de consultoría e formación exprés destinado a que emprendedores do eido creativo puidesen fortalecer e consolidar os seus proxectos mellorando as súas competencias en campos como comunicación dixital, marketing, presentación de proxectos ou venda a distancia.
Inspiración e casos de éxito
Aínda que aberto a todo tipo de público, o festival quixo darlle especial peso ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas, ofrecéndolle ás xeracións mozas unha ampla descuberta de produtos, convocatorias e iniciativas relacionadas coa creación contemporánea e co emprendemento no eido creativo, ademais de inspiración e casos de éxito dos que tirar importantes aprendizaxes para o seu futuro profesional.
O festival organizou tres encontros co alumnado –con inscrición previa– nos que, nun formato informal e distendido, a rapazada puido conversar e preguntarlle as súas inquedanzas a tres grandes talentos: o director de O que arde, Oliver Laxe; a deseñadora e directora de arte Uqui Permui; ou o artista español de vangarda Daniel Canogar, figura con gran proxección internacional que ten exposto obras no Raíña Sofía ou no Museo de Historia Natural de Nova York.
Audacia contou tamén cunha zona expositiva onde atopar desde stands de proxectos emprendedores do eido creativo e cultural, información sobre premios, concursos e axudas da Administración ao emprendemento creativo ou un showroom de empresas consolidadas que conseguiron conxugar a súa paixón creativa co éxito empresarial.
R.