O Museo do Pobo Galego exhibe as exposicións gañadoras do XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/antonio_fraguas.jpg)
As propostas Pintando o patrimonio definimos a nosa identidade, do CEIP Ana María Diéguez, de Asados, Rianxo (A Coruña), e Iconografía sacra e profana do concello de Silleda, do CPR María Inmaculada desta localidade pontevedresa foron premiadas en xuño de 2018 con 7000 euros destinados a que ambos os centros educativos desenvolvesen o seu proxecto e montasen cadansúa mostra co resultado da súa execución.
Valentín García valorou o esforzo realizado por profesorado e alumnado para crear dúas exposicións que “cumpren con creces as expectativas que tiñamos hai un ano cando se premiou o voso proxecto” e animou os rapaces e rapazas presentes “a seguir interesándovos polo noso patrimonio cultural e lingüístico, co fin de que o apreciedes, o respectades e traballedes sempre para que sexa patrimonio vivo”.
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística, no acto de presentación das exposicións participaron tamén Xusto Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural de Santiago de Compostela, e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade.
Un gran mural que pon en valor a identidade rianxeira
A partir da proposta Pintando o patrimonio definimos a nosa identidade, gañadora na modalidade de ensino primario, o alumnado do CEIP Ana María Diéguez, situado na parroquia rianxeira de Asados, elaborou un gran mural final de 50 metros que recolle os elementos do patrimonio de Rianxo analizados nas aulas ao longo do ano. Unha reprodución por tramos deste mural, cuxo orixinal está nas paredes exteriores do centro educativo, constitúe o elemento fundamental da exposición deste colexio, que se completa con textos explicativos acerca dos labores investigación, deseño e execución que foron facendo no último curso os rapaces e rapazas ata completar a súa pintura. A mostra conta tamén cunha selección de traballos do alumnado e cunha serie de vídeos accesibles mediante códigos QR onde os nenos e nenas do CEIP Ana María Diéguez amosan e explican distintos elementos do patrimonio material e inmaterial da súa parroquia.
Un repaso pola iconografía sacra e profana silledense
A exposición baseada na proposta Iconografía sacra e profana no concello de Silleda, presentada polo CPR María Inmaculada e gañadora na modalidade de ensino secundario, consta, en primeiro lugar, dunha serie de paneis, que poden verse no centro do claustro de San Domingos de Bonaval, onde se repasa a historia da arte cristiá tomando como base imaxes de igrexas de Silleda que se comparan con outras relevantes e coñecidas da arte universal. As fotografías dos paneis van acompañadas de textos que explican cada un dos asuntos iconográficos representados nelas. Un segundo grupo de paneis, colocado onda as paredes do claustro, mostra en gran tamaño imaxes das obras de maior calidade que atesouran os templos de Silleda. A exposición complétase cunha pantalla onde se proxectan diferentes vídeos en que o alumnado do CPR María Inmaculada analiza o patrimonio medieval –románico e gótico– das ditas igrexas.
Do proxecto á exposición
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua galega e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural. Os centros educativos participantes deben redactar na lingua propia de Galicia un proxecto de pescuda e de posterior divulgación dos resultados que, de ser premiado, recibe dotación para a súa execución durante o curso seguinte co apoio do Museo do Pobo Galego. O desenvolvemento do proxecto culmina cunha exposición semellante ás dúas inauguradas hoxe.
R.