Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CGAI abre a súa última carteleira de 2019 cun ciclo dedicado ao realizador mexicano Roberto Gavaldón

O programa inclúe, así mesmo, algunhas das súas películas máis sobranceiras, como La otra (7 de novembro), Rosauro Castro (19 de novembro), La diosa arrodillada (21 de noviembre), El rebozo de la soledad (3 de decembro), En la palma de tu mano (10 de decembro) e Macario (19 de decembro), ademais de Don Quijote cabalga de nuevo, película rodada en España con Fernando Rey no papel de Don Quijote e Mario Moreno Cantinflas no de Sancho Panza (10 de decembro).

‘Carmiña, flor de Galicia’

Pola súa banda, Italia é o común denominador doutros tres especiais que o CGAI preparou para esta recta final do ano. En primeiro lugar, co ciclo que lle dedica a Rino Lupo, cineasta de orixe italiana que, porén, desenvolveu a súa carreira no cinema mudo en diferentes países europeos. O Centro Galego de Artes da Imaxe, en colaboración coa Cinemateca Portuguesa, centrarase nos traballos que realizou no país veciño: Os lobos (1923) e Mulheres da beira (1923), ademais de amosar o remake desta última película que, baixo o título Carmiña, flor de Galicia, rodou en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra e de Portugal. Lupo é igualmente o obxecto do documental que será presentado polo seu director, Pedro Lino, o 14 de novembro.

Franco Piavoli é o outro realizador italiano incluído na carteleira, neste caso en colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón. Do autor lombardo pasaranse na Coruña oito títulos que ofrecen un percorrido que vai de 1982 a 2009, dando conta do interese deste autor por falar do universal desde o máis íntimo e pola exaltación da vida.

Ademais, dentro do programa Imaxes para a memoria, o Centro Galego das Artes da Imaxe amosará por vez primeira os documentais producidos pola Italia de Mussolini sobre a Guerra Civil Española. Na primeira das catro sesións previstas (21 de novembro), inclúese tamén a presentación do libro que sobre este tema escribiu a profesora Daniela Aronica.

O cine de paisaxe característico dos cineastas experimentais australianos Arthur e Corinne Cantrill e a continuación do exhaustivo percorrido pola filmografía de Hitchcock, que a cinemateca galega está a ofrecer nos últimos meses, son outros dos apartados destacados deste bimestre, xunto coas habituais seccións Off Galicia, Fóra de serie, Desencadres-Stan Brakhage, Filmoteca Española presenta e o ciclo Pensando en cine, pensando en Galicia, neste caso cunha película elixida pola escritora e xornalista Ana Romaní.
R.