Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Cidade da Cultura exhibirá o 'Itinerario de Exeria', aristócrata galaicorromana considerada a primeira escritora da península

A directora xeral de Patrimonio Cultural destacou que é tamén unha das personaxes claves que figuran no expediente para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, “e que avalan a existencia dunha fonda espiritualidade cristiá e correntes de peregrinación na zona, xa desde a época galaicorromana”.

O Peregrinatio Egeriae está recollido no Codex Aretinus 405, descuberto en 1884 por Gian Francesco Gamburrini na Biblioteca de Arezzo –onde se conserva actualmente–. O texto está datado no século XI, cando foi transcrito a partir dun manuscrito anterior, posiblemente no mosteiro de Monte Cassino.

Desde o seu descubrimento, o Itinerario de Exeria foi obxecto de numerosas edicións e traducións en todo o mundo. Pese a que o manuscrito se conserva incompleto e só chegaron a nós os fragmentos correspondentes ao Mediterráneo oriental, é unha das fontes máis valiosas para coñecer o papel da muller ao final do Imperio Romano, a espiritualidade desa época e incluso a transición entre o latín culto e o vulgar, que logo daría lugar ás linguas romances.

Máis de 300 pezas

O Itinerario de Exeria é unha das obras senlleiras incluídas entre as máis de 300 pezas que conforman a exposición Galicia, un relato no mundo, que explora os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo. A mostra, que se poderá visitar de balde na Cidade da Cultura entre o 15 de novembro de 2019 e o 12 de abril de 2020, inclúe pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, a Biblia Kennicott –manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia–, ou a Santa –unha das obras máis significativas do escultor Francisco Asorey–.

A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía.
R.