Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

'Fillos do sol' sobe a Pondal aos escenarios para dinamizar a lingua na mocidade

“A oitava edición do programa FalaRedes sobe a Eduardo Pondal aos seus escenarios para dinamizar o uso do idioma na mocidade e achegarlle a figura, sempre controvertida, e a obra do bardo bergantiñán que encamiñou toda a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e que foi piar, con Rosalía e Curros, do Rexurdimento galego”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, hoxe na presentación da xira desta peza teatral dirixida por Cándido Pazó, por quen estivo acompañado, en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Nove en total son os concellos que acollen acollen a obra ata o vindeiro 8 de decembro: Cambados, Mos, Foz, Viveiro, Verín, Xinzo de Limia, Santa Comba, As Neves e Salceda de Caselas, en todos eles con entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. As citas da fin de semana son o sábado, 16 de novembro, en Foz, cunha función na Casa da Cultura, ás 20,30 horas, e o domingo, 17 de novembro, en Viveiro, con outra no Teatro Pastor Díaz, ás 20,00 horas.

Acompañaron a García e Pazó na presentación dous dos actores protagonistas César Cambeiro e Adrián Ríos.

‘Os Eoas (fillos do sol)’

Fillos do sol é unha peza teatral emotiva e divertida sobre os derradeiros anos de Eduardo Pondal, inspirada no autor e na obra que o ocupou toda a súa vida como obsesión: Os Eoas, escrita e dirixida por Cándido Pazó, con César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez e destinada a público desde os catorce anos.

A peza, a cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, presenta o personaxe de Pondal desdobrado nun D. Eduardo que, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación: Eduardo, que non é outro ca el mesmo, de mozo, nos inicios da súa carreira literaria. E, como contrapunto, a vida real e diaria representada por Rosa, a criada nova da pensión na que o bardo pasou a derradeira etapa da súa vida.

‘FalaRedes 2019’

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se desenvolve en colaboración coas entidades locais pertencentes á RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que a día de hoxe conta xa con máis de 200 entidades adscritas.

Os obxectivos do programa son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego nos concellos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolvan o seu traballo neste idioma. Desde o mes de marzo e ata finais de ano a oitava edición do FalaRedes ofreceu en cartel preto de 100 funcións dos espectáculos Canta miña pedra canta, Os Bolechas somos unha gran familia, A nena e o grilo máis aló, Rosa Caramelo e outras historias e Fillos do sol.
R.