Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Salón Teatro recibe a coprodución internacional 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol'

Anteriormente, foi exhibida en Montevideo, onde tivo lugar a estrea o pasado mes de outubro, e en Bos Aires

A súa estadía na sede compostelá do Centro Dramático Galego arrancará o vindeiro mércores 11, ás 11,00 h., cun pase matinal que, baixo a denominación de función descontraída, ofrecerá unha sesión cunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia respecto do ruído e movemento na platea. Cun prezo especial de 3 euros, destínase ás persoas que buscan un ambiente máis relaxado que o dunha representación teatral ao uso, así como ás que se poidan sentir máis cómodas nese contorno, como aquelas con déficit de atención, deficiencia intelectual, espectro autista ou deficiencias sensoriais, sociais ou de comunicación.

Se fosen turistas, levarían gafas de sol afonda na memoria da emigración a partir das historias persoais do equipo do espectáculo, que poñen en escena Manuel Coelho, Iván e Mariano Solarich, Brais Iriarte, Fran Núñez, Luis Filipe Silva e Martina e Magdalena Fernández. As súas propias experiencias familiares supoñen en si mesmas unha celebración da vida, da supervivencia e do camiño percorrido a partir dunha trama que se inicia no momento da separación de dúas irmáns no porto de Vigo nos anos 50.

A música creada en directo mediante loops, disparadores electrónicos, pedais e procesadores, a manipulación da iluminación nas mans dos intérpretes e o uso de micromappings son, ademais, características que fan desta unha proposta escénica única e novidosa.

A venda de entradas para as súas funcións en Santiago xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións.

Tras a súa estadía na sede do Centro Dramático Galego, Se fosen turistas, levarían gafas de sol porá rumbo cara ao Teatro Rosalía Castro da Coruña, onde poderá verse o domingo 22 de decembro, ás 20,30 h.
R.