O festival infantil de curtametraxes 'Pequefilmes' promoverá o cinema entre a cativada
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/pequefilmes-2020.jpg)
Premios do público
Tras o visionado das curtas, será o público o encargado de outorgar coas súas votacións os dous premios do Festival –nas seccións Miñocas e Fanecas– aos mellores traballos exhibidos. Con esta participación, Pequefilmes ofrécelles aos cativos vivir a experiencia de que o seu criterio sexa valorado á vez que se fomenta neles unha ollada crítica e curiosa, semente de futuros cinéfilos..
Obradoiros
A programación incluirá tamén obradoiros nos que os pequenos e pequenas descubrirán coas súas propias mans o funcionamento do cinema de animación dunha forma lúdica e práctica. Nestas actividades, todos os membros da familia compartirán a aprendizaxe de técnicas e conceptos fundamentais no proceso da creación cinematográfica e da animación, experimentando xuntos para rodar unha pequena animación en stop motion ou na construción dun proxector de cine caseiro.
Con esta oferta integral, abarcando todas as etapas da infancia, ofrécese a través dos obradoiros e das curtas seleccionadas unha pluralidade de temas, puntos de vista e historias, incidindo en numerosos aspectos sociais e éticos sen perder de vista nunca o divertimento, e adaptadas aos diferentes intereses e gustos dos máis pequenos da casa.
R.