'Escenas do Cambio' afronta a súa recta final co relato dunha sobrevivente do xenocidio en Ruanda e cun xuízo real a Hamlet

Ese mesmo día e antes desta estrea, Escenas do cambio 2020 leva ao Salón Teatro –tamén situado no casco antigo de Compostela– a obra en portugués Légende, peza que forma parte da colaboración do festival co Instituto Camões de Portugal en Vigo e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Trátase dunha orixinal conferencia de Romain Teule, na que xogará coa linguaxe, tamén dos animais, para abordar na práctica conceptos tales como a interpretación e a malinterpretación.
Xuízo real a Hamlet
O venres o festival continuará a súa programación polo centro da cidade, xa que levará a representación de Please, continue (Hamlet) á Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta obra, o dramaturgo catalán Roger Bernat xulgará o personaxe de Shakespeare. Para iso, converterá o público asistente en xurado popular e terá o atractivo engadido de que contará cun equipo xudicial real en activo.
En concreto, esta peza terá a participación de Ángel Pantín, presidente da sala compostelá da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña; de Antonio Roma, ex fiscal da área de Santiago e actualmente coordinador de xustiza no Programa de Cooperación de Loita contra a Criminalidade organizada en América, do avogado Jesús Alonso e do psiquiatra Tiburcio Angosto.
Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán in situ para os asistentes.
Colaboración internacional e venda de entradas
Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 conta cunha rede de colaboradores. Deste xeito, ademais do Instituto Camões de Portugal en Vigo, súmase o INAEM, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC).
R.