Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra

Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración con LG Artist Management, presenta a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra, un evento que cada ano ofrece a oportunidade de gozar de grandes clásicos da ópera con artistas de nivel internacional. A edición deste ano contará coa representación a cargo da Ópera Nacional de Moldavia de La bohème, de G. Puccini, o día 27 de febreiro, e de L’elisir d’amore, de G. Donizetti, o 13 de marzo.

LA BOHÉME, DE G. PUCCINI

Ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger, unha novela por entregas que retrata a vida dos mozos bohemios que habitaban o Barrio Latino de París a mediados do século XIX. Estreouse o 1 de febreiro de 1896 na cidade italiana de Turín, e a día de hoxe é a cuarta obra operística máis representada en todo o mundo.

La bohème narra a historia de amor entre a modista Mimí e o poeta Rodolfo quen, tras sentir un namoramento repentino, comezan un romance. Mimí cae enferma e falece nos brazos de Rodolfo, non sen antes declararse a súa paixón mutuamente nunha das máis belas escenas de amor da ópera.

O tenor coreano Alessandro Kim interpretará a Rodolfo e a soprano venezolana Marina Ortiz a Mimí. Estarán acompañados polo barítono ucraíno Vladislav Lysak, a soprano española Marian Guerra, e os moldavos Yurii Dubidar, Viktor Navitsky e Iurie Maimescu.

L’ ELISIR D’ AMORE, DE G. DONIZETTI

Ópera bufa en dous actos estreada en 1832 no Teatro della Canobbiana de Milán, agora coñecido como o Teatro Lírico de Milán. Presenta a historia de Nemorino, quen está namorado de Adina, un amor non correspondido. Todo cambiará cando Dulcamara chega ao seu pobo, un gaioleiro que vende un elixir de amor, que en realidade non é máis que un viño corrente. Nemorino emborráchase e, en efecto, Adina vólvese tola por el.

Adina estará interpretada pola soprano peruana Ximena Agurto, e Nemorino polo tenor moldavo Viktor Navitsky. O baixo moldavo Iurie Maimescu encarnará a Dulcamara, a soprano moldava Tatiana Jechiu a Gianetta e o barítono ucraíno Yurii Dudar a Belcore.
R.