Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O programa de residencias do CDG acolle seis compañías durante esta temporada para traballar nas súas novas montaxes

A primeira delas é Pérez&Fernández, que prepara a estrea de Os nenos da variola, montaxe inserida á súa vez no programa de coproducións do Centro Dramático Galego. Xosé Leis e Victoria Pérez codirixen, ademais de interpretar xunto a Isabel Risco e Manu Fernández, esta adaptación da novela de María Solar inspirada na Expedición Balmis, que a primeiros do século XIX partiu da Coruña con 22 nenos a bordo e a misión de levar a vacina da varíola a América.

A súa estrea terá lugar o vindeiro 28 de febreiro no Salón Teatro, onde poderá verse ata o 1 de marzo, e a venda anticipada de entradas está xa habilitada na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, cos prezos e descontos habituais.

A continuación, será a quenda da danza con Marta Alonso, quen estará en residencia do 2 ao 4 de marzo coa súa montaxe Bailar agora. O seu obxectivo é continuar traballando arredor dunha peza a través da que a artista propón unha parada no corpo para detectar como se instala nel o paso do tempo e como se ve afectado polas experiencias, as presións sociais e o contexto.

Programa de coproducións

Como no caso de Os nenos da varíola, as catro compañías que completan o programa de residencias desta temporada contan tamén co apoio do Centro Dramático Galego en calidade de entidade coprodutora, ademais de ter prevista aquí a súa exhibición ao público tras a estadía artística. Trátase de La Quintana Teatro con O premio (en residencia do 9 ao 11 de marzo e con funcións do 12 ao 15), Cámara Negra Teatro con Clausura do amor (do 23 de marzo ao 1 de abril, con representacións do 2 ao 5 de abril), Cronica dunha heterosexual insatisfeita de Verdeveras Expresións Artísticas (do 6 ao 10 de abril e exhibición os días 18 e 19 dese mes) e Microperspectivas dun marica millennial, de Incendiaria (do 11 ao 15 de abril e funcións o 16 e 17).
R.