Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Coruña e Santiago acollen esta fin de semana as estreas das pezas de danza 'Médula' e 'Emigrantas' coproducidas pola Xunta

Así, Alba Fernández e Ana Beatriz Pérez asumen conxuntamente a autoría, coreografía, dirección e espazo escénico de Médula, que Artestudio Xestión Cultural define como un encontro entre linguaxes e unha mestura dos anos de experiencia e investigación que cada unha das súas creadoras alberga nos seus corpos.

A proposta, executada pola compañía Exire, unha das formacións de Artestudio, atopa nas calidades do movemento da danza urbana o texto físico da proposta, que tamén se achega ao folclore de Cuba, de onde é orixinaria unha das bailarinas, e ás danzas africanas, como xeito de regresar ás raíces da humanidade, á terra onde habitou a primeira das mulleres. A obra conta co asesoramento de Armando Martén, e voz e composición a cargo de María Move, artista que asina con Raúl Grillo a música orixinal. Durante o espectáculo soan os tambores batá a cargo de Alexis Fernández e as pandeiretas de Halima Shalabi.

A estrea na Coruña enmárcase no programa TRC Danza do Teatro Rosalía Castro e forma parte, á súa vez, da actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de distribución de espectáculos promovido e cofinanciado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Estrea londiniense

Pola súa banda, Emigrantas defínese como un espectáculo de danza sobre a emigración en clave de xénero. De feito, na produción participou activamente o equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) e, co obxectivo de implicar ás comunidades galegas no exterior, a montaxe viaxará a Londres para presentarse o 25 de febreiro no instituto da Fundación Cañada Blanch, entidade que recibiu o último Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior polo proxecto Galego en Londres. A estrea londiniense conta coa axuda da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta.

A bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez Acosta dirixe a montaxe que executan no escenario David Loira e Esther Latorre. Os dous intérpretes danlle vida a unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da última diáspora galega, a que se debeu á crise económica. Para a súa creadora, trátase dunha peza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades, elementos cos que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega en complicidade coas comunidades migrantes dentro e fóra de Galicia. Babykatze e Bruno Baw desenvolveron o espazo sonoro, Branca Novoneyra asina os textos e o vestiario é obra de Jandro Villa.
R.