Pérez&Fernández estrea no Salón Teatro de Santiago 'Os nenos da varíola' en coprodución co Centro Dramático Galego
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/os-nenos-da-variola.jpg)
O seu eixo central é a vida dos 22 nenos e verdadeiros heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que en 1803 embarcaron no navío María Pita e aos que se foi inoculando o virus nunha cadea humana “brazo a brazo”.
Tanto a novela como a súa adaptación teatral poñen énfase, así mesmo, no papel que xogou nesta expedición unha das súas protagonistas máis esquecidas: Isabel Zendal, reitora da Casa de Expósitos da Coruña, da que procedían a meirande parte dos nenos da expedición e entre os que se atopaba o seu propio fillo.
As entradas para as funcións de Os nenos da varíola en Santiago (venres e sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.) xa están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, cos prezos e descontos habituais. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto ao público os días de representación desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
O espectáculo iniciará a continuación a súa xira polos escenarios galegos, con próximas paradas previstas o 22 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense e o 17 de abril no Fórum Metropolitano da Coruña.
Tras esta estrea, o programa de coproducións do CDG achegaralle ao público outras catro propostas escénicas durante os vindeiros dous meses tras as súas correspondentes residencias artísticas neste espazo compostelán: O premio, de La Quintana Teatro (do 12 ao 15 de marzo); Clausura do amor, de Cámara Negra Teatro (do 2 ao 5 de abril); Microperspectivas dun marica millennial, de Incendiaria (16 e 17 de abril), e Crónica dunha heterosexual insatisfeita, de Verdeveras Expresións Artísticas (18 e 19 de abril).
R.