Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A obra 'RCC. O Carballo que fun en Ferrol' repasa a vida do autor das Letras Galegas 2020 na súa patria natal

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, asistiu hoxe ao serán, no salón de actos de Afundación, á presentación de RCC. O Carballo que fun en Ferrol, unha obra que dá ao prelo o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración de autores ferrolterráns, baixo a coordinación de Bernardo Máiz, e o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da programación institucional das Letras Galegas 2020 da Xunta de Galicia.

O representante do Goberno galego felicitou o Club de Prensa de Ferrol pola iniciativa de “honrar a Carvalho Calero e poñer en valor o estreito vínculo entre el e a cidade departamental, na que un instituto de ensinanza secundaria, un centro cultural e senllos prestixiosos certames de narrativa e investigación lingüística-literaria que levan o seu nome dan conta aínda, tres décadas despois, da pegada que deixou tan ilustre veciño na dignificación do idioma e da cultura de noso.”

Xunto con Valentín García, interviñeron na presentación Ángel Mato, alcalde de Ferrol; Mª Victoria Carvalho Ramos, filla de Ricardo Carvalho Calero; Bernardo Máiz, coordinador da obra; Esperanza Piñeiro de San Miguel, en representación dos autores, e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol.

Os vinte e nove anos en Ferrol de Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero residiu en Ferrol apenas 29 dos seus 80 anos de vida, en tres etapas. De 1910 a 1926, de 1932 a 1936 e de 1941a 1950, este último período ben espiñento. Os longos espazos de tempo lonxe da súa patria nativa debéronse aos seus estudos universitarios, á expatriación involuntaria a conta da sublevación militar de 1936, á guerra subseguinte, á estadía no cárcere como preso político e, desde 1950, á docencia en Lugo e en Compostela.

Concibido en principio como separata da Revista Ferrol-Análisis, o volume aborda o Ricardo Carvalho Calero máis ferrolán e é obra dos ferrolterrás de orixe ou adopción Antonio Blanco Carballo, Esperanza Piñeiro de San Miguel, Bernardo Máiz Vázquez (coordinador), Delia Vázquez, Xosé Mª Dobarro Paz, Ramón Loureiro, Jose-Martinho Montero Santalha, Xaime Bello Costa e Elvira Roiz Mesías.
R.