Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CGAC amosa a dimensión artística da vida e a obra de Man de Camelle na mostra 'Museo (do ermitán) Man'

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de agosto a mostra 'Museo (do ermitán) Man' que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle. Trátase dunha exposición, que hoxe será visitada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na que se lle rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978.

A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man. Camelle (A Coruña). Moitas destas imaxes foron retocadas retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas. Tamén se expoñen documentos escritos con explicacións sobre a súa visión da arte ou debuxos realizados en papel por visitantes do seu xardín, así como anotacións en alemán, aforismos, comentarios filosóficos ou reflexións sobre a súa propia obra a modo de manifestos.

Complementariamente, no exterior haberá unha réplica a escala real da casa museo, realizada polos arquitectos Creus e Carrasco, responsables tamén da restauración da propia casa museo de Man en Camelle, e por un documental inédito sobre a súa vida rodado por Joan Mallarach na década dos 80. Trátase dunha peza que non foi rematada, que se perdeu no tempo e que agora, 39 anos despois, verá a luz grazas a esta exposición.

Man de Camelle (Radolfzell, 1936 – Camariñas, 2002)

Manfred Gnädinger foi un creador polivalente que desenvolveu o conxunto do seu labor en Camelle (Camariñas) a onde chegou na década dos 60 e estivo totalmente apartado do sistema artística. Ao longo da súa vida foi presentado polos medios de comunicación como unha persoa extravagante, o que non permitiu ver máis aló e recoñecer a súa verdadeira dimensión artística. En decembro do ano 2002 faleceu despois de que a súa obra se vira afectada polo Prestige. Anos despois, ao acceder ao interior da súa casa para recuperar os seus bens, púidose comprobar a verdadeira magnitude creativa do artista.
R.