A Cidade da Cultura lanza una visita virtual á exposición 'Galicia, un relato no mundo' enriquecida con contidos extra
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/galicia-relato-mundo.jpg)
A exposición obtivo tamén unha resposta excepcional entre os centros educativos, máis de seis mil alumnos de diferentes niveis –desde primaria ata aos estudos universitarios- participaron nas visitas didácticas organizadas polo Museo Centro Gaiás.
Nestas semanas nas que o Museo permanece pechado, a Cidade da Cultura vén desenvolvendo actividades online aproveitando tamén os contidos da exposición, como o programa Aventura no monte das artes, retos didácticos dirixidos á cativada para convidala a desenvolver a súa habelencia creativa.
Visita virtual
Precisamente estes contidos online amplíanse agora co lanzamento dunha visita virtual a través da web cidadedacultura.gal. Unha ferramenta que ofrecerá a posibilidade de navegar desde o ordenador ou dispositivos móbiles entre as máis de trescentas pezas da exposición e seguir a descubrir abraiantes conexións de Galicia co resto mundo, así como os segredos que rodean xoias como a Biblia Kennicott, a Santa de Asorey ou o Guerreiro de Lesenho.
Ademais, a visita virtual incorporará un ampla variedade de contidos extra para enriquecer a experiencia, como vídeos con explicacións por parte do comisario, Manuel Gago, ou dos técnicos do Servizo de Mediación.
Devolución das obras
A Fundación Cidade da Cultura, tras o peche do Museo Centro Gaiás, contactou con todas as institucións e coleccionistas privados que prestan obra para informarlles de que as medidas sanitarias derivadas do estado de alarma obrigaban a aprazar as devolucións.
Do mesmo xeito, informou de que as pezas permanecerán en sala, vixiándose as condicións técnicas (temperatura, humidade…) e de seguridade para garantir a súa conservación nas mellores condicións. A Cidade da Cultura ampliou tamén o prazo do seguro ata o 30 de xuño, sen custe adicional para a Xunta de Galicia.
En canto a situación o permita procederase a devolución de todas as obras seguindo un programa deseñado polo Departamento de Exposicións da Fundación Cidade da Cultura e en colaboración con empresas especializadas no transporte de obras de arte.
Cómpre lembrar a complexidade organizativa deste operativo nunha exposición na que cederon obra 60 institucións e 21 coleccionistas, tanto de Galicia e do resto de España como de Irlanda, o Reino Unido, Italia, o Vaticano, Portugal, a Arxentina, Cuba e o Uruguai.
A Cidade da Cultura quere expresar o seu agradecemento ás institucións e coleccionistas pola súa comprensión e confianza ante as excepcionais circunstancias que se están a vivir, así como trasladar a súa solidariedade coa difícil situación coa que tamén moitas delas están a traballar nos seus propios países.
R.