Máis de 13.000 persoas visitaron de xeito virtual museos e monumentos emblemáticos a través de ‘Galicia, na túa casa’
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/galicia-en-tu-casa.jpg)
Catedral de Santiago
Este microsite permite facer un percorrido por algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade de Santiago de Compostela, declarada Patrimonio da Humanidade, incluíndo as prazas que rodean a Catedral. É posible, ademais, regresar ao templo catedralicio actualmente pechado e facer unha visita virtual ao museo da propia basílica xacobea.
Xunto a esta visita, Galicia, na túa casa, tamén propón percorridos virtuais polas outras catro catedrais galegas: a de Lugo, a de Mondoñedo, a de Ourense e a de Tui. Ademais, están dispoñibles diferentes tours en 360º por máis de 70 mosteiros, igrexas e conventos galegos para coñecer mellor o legado arquitectónico, cultural e relixioso.
Inclúense percorridos por algúns dos atractivos da Ribeira Sacra, a candidata española a Patrimonio Mundial en 2021, como por exemplo o Mosteiro de San Pedro de Rocas, único por ser escavado en rocha natural, ou o de Santa Cristina de Ribas de Sil.
Tamén se permite facer unha viaxe virtual a vestixios arquitectónicos dos estilos prerrománico e mozárabe como Santa María de Mixós, en San Mamede (Ourense); do gótico como as ruínas do convento de Santo Domingo, en Pontevedra, ou o claustro de San Francisco, en Ourense; do estilo renacentista como o Bon Xesús de Trandeiras en Xinzo de Limia ou o colexio de Nosa Señora Antiga en Monforte de Lemos; ou do neoclásico como o convento das Madres Mercedarias en Santiago, entre outros.
Sete idiomas
Ademais, é posible achegarse desde a casa a emprazamentos como o Castro de Viladonga, as Pallozas e conxuntos etnográficos do Cebreiro, así como aos museos xestionados pola Xunta. A iniciativa está dispoñible para público nacional e internacional, xa que é posible acceder a esta información en sete idiomas. Con Galicia, na túa casa, continúase a ofrecer alternativas que promovan o destino con propostas para desfrutar desde a casa a través de internet no marco da iniciativa #aculturasegue.
R.