Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

219 concellos quedan libres de franxas e poden abrir o espazo interior de bares e restaurantes en base aos criterios establecidos polo Goberno central

O ministro de Sanidade anunciara a medida o día 17 pero non foi ata hoxe cando se concretou no Boletín Oficial do Estado (BOE). De feito, inclúe criterios diferentes aos sinalados no caso dos concellos e parroquias de menos de 5.000 habitantes, cando non se tiña en conta a densidade poboacional.

Ademais, a orde publicada hoxe no BOE está dirixida a aqueles territorios en fase 0 e 1. Polo tanto, en Galicia só estará vixente esta fin de semana, xa que vén de confirmarse que o próximo luns todo o territorio galego pasará a fase 2. Novamente, a Delegación de Goberno en Galicia pediu á Xunta que interpretara a orde do Goberno central, a diferenza do ocorrido en Asturias, onde foron os propios concellos os que aplicaron a norma. A Administración autonómica remitiu hoxe á relación dos 219 concellos ao delegado do Goberno.

Ao incluír o criterio da densidade faise imposible aplicar esta norma por parroquias individualizadas, xa que ningunha das situadas en concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes reuniría este requisito, e, polo tanto, non se sumaría ás que xa teñen liberdade de franxas. A pesares disto, as parroquias de menos de 5.000 habitantes que non cumpran o novo criterio de densidade incluído no BOE manterán, segundo a Xunta, a súa liberdade de franxas para pasear e facer deporte como ata o de agora, xa que non se entendería que agora se visen prexudicadas.

Cómpre engadir, que a Xunta de Galicia non recibiu resposta á súa solicitude da semana pasada, na que pedía que se eliminasen as franxas horarias e a limitación de non poder saír do municipio na práctica deportiva en todos os concellos galegos, independentemente do número de poboación.
R.