Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Encontro de Artistas Novos 'Cidade da Cultura' lanza unha nova convocatoria centrada esta vez no talento galego

Ademais, o programa sufrirá pequenas variacións, especialmente de tipo loxístico, para adaptarse ás limitacións de capacidade, distancias mínimas e outro tipo de recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias e garantir que o encontro se celebre nas mellores condicións de seguridade para todos e todas as participantes.

O EAN chega baixo a dirección, novamente, de Rafael Doctor, e cun formato xa consolidado no que teñen presentado os seus traballos ao redor de 600 creadores e creadoras ao longo das nove edicións previas do encontro. Os artistas emerxentes que acaden unha praza terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos creativos a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de renome como o cineasta Oliver Laxe (París, 1982), recentemente premiado en festivais como Cannes ou os Goya co seu último filme O que arde.

Relatores de prestixio

Esta edición incluirá tamén a presenza da artista interdisciplinar Paula Rubio Infante (Madrid, 1977), premio El Ojo Crítico 2015 de Artes Plásticas e VIII Premio ARCO a Jóvenes Artistas 2011; a artista plástica e profesora na facultade de Belas Artes de Pontevedra, Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); e o creador multidisciplinar Carlos Aires (Ronda, Málaga, 1974), coñecido polos seus traballos de fotografía e escultura. Súmanse á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.

Do 23 ao 27 de agosto

O programa –a desenvolver entre o 23 e o 27 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Recoñecidas figuras como Lois Patiño, Jesús Madriñán ou Nuria Güell estiveron entre os participantes seleccionados nas diferentes edicións do Encontro, cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González; e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o mundo curatorial ou xornalístico. Co obxectivo de que este intercambio se produza en todas as súas vertentes, o EAN inclúe ademais visitas a centros de arte contemporánea como o CGAC ou a Fundación Granell.

Intervención artística arredor do Camiño

O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk do complexo, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. Ao igual que a anterior edición, o VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk terá como eixe a Ruta Xacobea, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Monte Gaiás e tamén a propia conexión visual entre as Torres Hejduk e as torres da catedral compostelá.

Solicitudes ata o 3 de xullo

Os artistas emerxentes interesados en seren seleccionados para participar no EAN10 deberán enviar a súa solicitude antes das 15,00 horas do 3 de xullo xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org. As bases completas poden consultarse en www.cidadedacultura.gal.
R.