A Cidade da Cultura recupera as actividades con público con tres concertos de balde polo Día da Música
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/cdc-dia-da-musica.jpg)
Dous concertos pola tarde
FAIA abrirá ás 17,30 horas os concertos da tarde presentando o seu primeiro traballo Ao cabo leirín, un proxecto de investigación e recompilación do cancioneiro tradicional, tinguido de vangarda e actualidade a través da súa voz e estilo. Faia Díaz rescata dun xeito íntimo ese repertorio de cancións das avoas e bisavoas que forman parte do noso patrimonio inmaterial. Cantante e investigadora, tamén é licenciada en Historia da arte. Foi bolseira na Habana, Perugia e Barcelona, onde cursou estudos de etnomusicoloxía, cinema e crítica artística, e está formada en dixitalización e catalogación do patrimonio artístico. É membro do coñecido grupo galego De Vacas, que ten actuado con éxito de público na Cidade da Cultura.
Pechará esta celebración na Cidade da Cultura do Día da Música a actuación de Chisme. Trátase do proxecto musical de Fernando Epelde, tamén coñecido por ser dramaturgo e actor na compañía de teatro galega Voadora. Tras unha serie de álbums marcados pola experimentación formal e por fíos conceptuais que o levaban a explorar territorios como o da arte sonora, a electrónica minimalista ou o pop cibernético; abraza no seu último traballo Todo é ficción un rexistro máis preto do formato canción: melodías pegañentas, unha sonoridade que mantén a súa conexión con texturas electrónicas pero cunha afouteza e unha pegada que lembran a xéneros como a new- rave ou o pop groove máis espacial.
No Gaiás, ademais deste traballo, tamén ofrecerá un repertorio con temas de proxectos anteriores.
Os tres concertos estarán rixidos por un estrito protocolo, seguindo as medidas de seguridade sanitaria esixidas pola etapa poscovid-19. Polo que haberá un circuito de entrada e saída, á vez que se manterán a distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar e será obrigatoria a asistencia con máscara de protección.
R.