Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Gaiás reactiva no verán o seu programa de visitas guiadas con prazas limitadas e catro xeitos distintos de coñecer o complexo

Por unha banda, o público asistente poderá optar por coñecer as liñas e volumes proxectados polo neoiorquino Peter Eisenman nun percorrido polos exteriores da Cidade. Desde o Museo Centro Gaiás –un dos edificios máis singulares do complexo coa súa espectacular fachada acristalada de case 43 metros de altura– o percorrido incluirá a Praza Central, as icónicas Torres Hejduk, e os dous xardíns construídos no corazón arquitectónico do Gaiás –o Xardín Literario e o Xardín do Teatro– así como o espazo de xogo e lecer do Parque da Balea, que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: o coruñés Urbano Lugrís.

No segundo modelo de visitas, os protagonistas serán os espazos naturais do monte Gaiás, a súa fauna e flora e os seus aspectos medioambientais. O percorrido inclúe parte dos sendeiros do Bosque de Galicia, o gran pulmón verde do monte, con once mil árbores de especies autóctonas –carballos, castiñeiros, bidueiros, espiños, pradairos, abeleiras, érbedos, freixos, faias…–, os paneis fotovoltaicos do complexo e as zonas de lecer infantil do Bosque de Galicia e o Parque da Balea. A visita rematará a carón do Xardín do Teatro, un atractivo espazo con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar do deporte e da natureza.

A terceira visita programada céntrase na xénese do proxecto –partindo da exposición permanente das maquetas dos proxectos que se presentaron en 1999 ao Concurso Internacional de Arquitectura, os principais fitos da historia do complexo e tamén os últimos avances das obras, rematando o percorrido no miradoiro que sobre o Bosque de Galicia nos ofrece unha descoñecida e espectacular panorámica da cidade de Compostela.

A oferta complétase cunha descuberta diferente aos usos e funcións do complexo que, ademais dun achegamento as liñas mestras do proxecto arquitectónico, permitirá descubrir as claves do seu funcionamento e coñecer espazos normalmente restrinxidos ao público, como a galería de servizos subterránea, que comunica o subsolo de todos os edificios.

Medidas de seguridade

As visitas guiadas rexeranse por un estrito protocolo que incluirá, ademais da necesidade de reserva previa por se fose necesario contactar ás persoas participantes, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, a obriga de acudir con máscara de protección ou a substitución de calquera tipo de folletos ou información impresa polo seu equivalente dixital.
R.