Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá 'Vestir épocas', unha mostra monográfica sobre a evolución da moda

Realizada baixo a dirección do Museo de Belas Artes, a mostra estará comisariada polo arquitecto Fernando Agrasar e o especialista en moda Román Padín. Será a primeira exposición dedicada de forma monográfica a esta temática neste espazo e agárdase que abra ao público desde este mes de outubro e ata marzo do 2021. Do mesmo xeito, o Museo de Belas Artes programará toda unha serie de actividades en torno á exposición como visitas guiadas, conferencias e outras actividades dirixidas ao público xeral e familiar e atendendo ademais á diversidade cultural.

Seccións da mostra

Vestir épocas servirá para testemuñar un tempo estreitamente vinculado ao inicio da modernidade en Galicia. Por iso, as seccións da exposición distribúense ao longo dos espazos do museo para manter un diálogo coas obras de arte dos diferentes períodos. Deste xeito, na entrada do Museo situarase un conxunto de pezas de benvida que avanzan o carácter e os contidos da mostra. Na mesma planta baixa do Museo, un gabinete de curiosidades reunirá unha miscelánea de medio centenar de obxectos expostos a modo de dicionario de moda.

Pola súa banda, na sala de exposicións temporais da planta soto se instalará unha sección na que se reflexiona sobre os xeitos de darlle forma ao corpo a través de faixas, refaixos, paneiras, forros e vestidos, en diálogo con cadros e esculturas de espido masculino e feminino. Ademais, nas salas da colección permanente expóranse as modas das distintas épocas cunha ordenación inspirada pola temática dos cadros de cada sala, que abarcan desde a iconografía relixiosa nos séculos XVI, XVII, XVIII e a relación entre moda e relixión católica, pasando polo gusto da vida burguesa dos séculos XVI á XVIII cos traxes de etiqueta para as celebracións, así como os delicados detalles dos complementos.

Por último, no século XIX atópase a roupa do persoal de servizo posta en relación coa sala de louza de Sargadelos. Tamén a relación da moda cos movementos artísticos do romanticismo, paisaxismo, costumismo e pintura galega, e outros aspectos da vida das xentes que abranguen desde o rigor no vestir ata a roupa de paseo, de visita ou de viaxe. Xa en relación coa arte do século XX atópase a roupa de día ou flâneries, e roupa de noite ou folies.
R.