Chega a Galicia o II 'Camiño escena norte' de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/camino-cunchas.jpg)
Así se establece no convenio de colaboración asinado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e José Antonio Vitoria Armendáriz, en representación de Camiño Escena Norte, iniciativa impulsada polas asociacións empresariais de produción escénica das catro comunidades: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).
No documento recóllese, ademais, a cesión por parte do Goberno autonómico do Salón Teatro de Santiago de Compostela como unha das sedes deste programa ao seu paso por Galicia, onde tamén recalará en diferentes escenarios e espazos ao aire libre de Mondoñedo, Lugo, Ribadeo, Sobrado dos Monxes, Vilalba e Arzúa.
Na súa segunda edición, Camiño Escena Norte volverá articular as súas actividades arredor de dous eixos: o Itinerario Constelacións e o Camiño Expandido. O primeiro deles suporá a realización en Galicia de oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas, ao tempo que dúas formacións galegas terán a oportunidade de presentar os seus traballos nas outras tres comunidades participantes.
Pola súa banda, Camiño Expandido ofrecerá unha serie de actividades paralelas para explorar as relacións co público e novas posibilidades de intercambio profesional, así como para favorecer a reflexión no marco deste sector.
O Camiño do Norte como ruta cultural
A ruta histórica do Camiño do Norte vertebra este proxecto interautonómico co obxectivo de facilitar o coñecemento mutuo entre os profesionais e o público destas catro comunidades autónomas, ademais de contar tamén cunha vertente de dinamización social e turística. Na súa segunda edición, búscase así mesmo afianzar o seu papel como ruta cultural para lles amosar aos espectadores a diversidade cultural, lingüística e de formatos da actual produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.
Rede de Comercios no Camiño