Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O teatro volve da man do Festival Internacional de Teatro en Ourense

No acto, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, amosou a súa confianza en que todos os atrancos derivados da pandemia “poidan ser transformados en oportunidades, oportunidades para a cidadanía, para fuxir que aínda que sexa un intre de todo este problema que estamos a vivir, de todo este confinamento; e oportunidades tamén para as compañías que imos recibir, para que poidan por fin amosar os seus traballos aínda que sexa a un público máis reducido”. A institución académica, indicou, mantén o patrocinio económico deste festival pero este ano non acollerá representacións no campus, xa que os espazos habitualmente empregados para este fin, indicou, teñen sido habilitados para a docencia debido ás necesidades especiais provocadas pola covid-19.

En nome de Sarabela Teatro, compañía que organiza o FITO, Fina Calleja destacou na rolda de prensa como “xa non estamos só no momento de asegurar que a cultura é segura senón no momento de defender que a cultura cura”, facendo fincapé en como a actual situación tamén está a ter “consecuencias para a nosa alma”. Pola súa banda, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, salientou do festival a súa “singularidade, relevancia e calidade” e recalcou como se trata dunha cita “referente” no panorama teatral galego. A súa celebración, indicou, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, faise coa convicción de que “a cultura ten que seguir adiante” e de que “os espazos culturais son seguros”, lembrando as medidas hixiénicas e sanitarias que se tomarán. Compartindo este compromiso coa supervivencia da sector cultural, Marga Pérez, concelleira de Barbadás, subliñou como “estamos moi contentos e orgullosos de acoller parte da programación deste FITO”.

Aposta polas compañías galegas

Segundo explican desde a organización do Festival Internacional de Teatro en Ourense, a actual situación sanitaria e a necesidade de aplicar os protocolos de protección explican algunhas das decisións que rexeron os criterios de programación. Así, apunta, hai un reforzo na programación de compañías galegas en número de representacións e en orzamento dedicado ás mesmas. Neste apartado, sinalan como o festival acollerá as estreas de cinco espectáculos galegos. Estarán O premio, de La Quintana; O raro é que bailar sexa raro, de Andrea Quintana (Residencia Paraíso); O diaño na praia, de Matarile Teatro. No apartado de teatro de rúa o festival, o FITO acollerá e producirá o espectáculo Confitados, da compañía ourensá Arun Run, que terá lugar nas rúas de Barbadás e de Ourense. A estas obras sumarase e reestrea de Poeta en Nova York, de Teatro Baixo a Area, unha coprodución co Centro Dramático Galego. A programación de compañías galegas completarase con “dúas compañías de traxectoria xa consolidada e cunha linguaxe propia” como son Elefante Elegante, co seu espectáculo Dreaming Juliet, e Butaca Zero, con Despois das ondas. Cámara Negra estará tamén na programación desta edición con Se isto é un home, “unha peza que busca conmover e que recordar que o teatro segue a ser un espazo para o compromiso coa realidade que nos circunda”.

No apartado de compañías de fóra de Galicia, desde Araba chega El Mono Habitado con dúas propostas “que comparten o desenfado e o sentido do humor, moi axeitadas para ser programadas en días consecutivos en Barbadás”, como son Primatium e Benditas. No apartado internacional, o festival reencontrarase de novo co teatro de obxectos con Chaika, unha produción chileno-belga da man das artistas Natacha Belova e Tita Iacobelli Delpiano. Polo que respecta ao apartado de programación de teatro na rúa, desde o FITO sinalan como se completa con Alauda e o seu Imagii Machina, unha instalación guiada por tres actores.
R.