Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Sanidade reforza as medidas de prevención da covid en toda Galicia e establece o nivel 2 de restricións

Así, apuntou que o reforzamento das medidas obedece á necesidade de frear a expansión do virus, tras constatarse nos últimos días un aumento no número de casos positivos vencellados, sobre todo, a ámbitos familiares e de confianza.

O titular da carteira sanitaria galega, explicou que este é un dos principais motivos que levou ao Comité clínico a limitar a 5, o número de persoas nunha reunión para toda Galicia, unha conxuntura, que foi preciso reforzar no concello de Santiago e na localidade do Milladoiro (Ames), onde tan só se poderán reunir persoas que viven xuntas.

García Comesaña lembrou a necesidade de cumprir todas e cada unha das medidas restritivas e hixiénico sanitarias que están en vigor, e lanzou unha mensaxe de tranquilidade á poboación incidindo en que se as medidas se cumpren, os bos resultados chegan.

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, debullou polo miúdo o conxunto de restricións que serán publicadas no día de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), que entrarán en vigor desde as 00:00 horas desta medianoite.

Nomeadamente, e xuntou coas medidas xerais establecidas para a totalidade do territorio galego, Fuentes especificou que Santiago e Milladoiro pasan ao nivel 3 de restricións de aforos, coa limitación de reunións a persoas que viven xuntas e o peche da actividade no interior de bares e cafeterías.

Así mesmo, apuntou que seguirán manténdose as medidas vixentes, desde o pasado 7 de outubro, nos concellos de Ourense e Barbadás; así como o novo establecemento de restricións de mobilidade entre os concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, que tamén pasan ao nivel 3.

Entre as novidades incorporadas polo Comité clínico na xornada de onte, destaca tamén a decisión de manter o nivel 3 nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, onde ademais se establece a limitación de mobilidade perimetral, e onde se pechará toda actividade considerada non esencial.

Sobre este particular, nestes tres concellos ficará limitada a actividade de todos os establecementos vencellados a espectáculos públicos e actividades recreativas, incluídos no anexo do Decreto 124/2019, en que se insire o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público.

Nomeadamente, pecharán cines, teatros, auditorios, establecementos de espectáculos deportivos, salas de bingo, salas de xogo, estadios deportivos, pavillóns, recintos deportivos, ximnasios, piscinas, salóns recreativos, parques multiocio, museos, bibliotecas, salas de conferencia, restaurantes, cafeterías, bares e centros de lecer infantil, entre outros.

Non obstante, a medida non afectará aos establecementos de actividade minorista que poderá permanecer abertos; nin aos locais de hostalería e restauración que desempeñen os seus servizos en centros hoteleiros ou en centros de traballo.

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Sergas, José Flores, puxeron o foco en que segue a ser preciso adoptar medidas proporcionais, e coa anticipación suficiente, para garantir a capacidade asistencial dos centros sanitarios galegos.
R.