Sanidade establece restricións de mobilidade perimetrais nas sete cidades galegas
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/coronavirus.jpg)
Xunto coas limitacións nos desprazamentos, García Comesaña subliñou que os concellos de Ames, Teo, Ferrol, Narón, Fene, Neda e Vimianzo pasan ao nivel 3 de restricións e que, adicionalmente, só se poderán establecer reunións entre conviventes neste concellos.
Esta mesma restrición das xuntanzas entre persoas que vivan no mesmo domicilio tamén se aplicará noutros concellos que arestora se atopan en nivel 2 de restricións, como son os concellos da Coruña, Arteixo, Pontevedra, Poio, Marín, Vigo e Lugo.
Durante a súa intervención, sinalou que malia a boa evolución que está a ter a situación epidemiolóxica na provincia de Ourense, o subcomité clínico decidiu manter unha semana máis as restricións vixentes nos diferentes concellos ourensáns.
O responsable de Sanidade apuntou que este novo paquete de medidas se enmarca dentro de carácter especial que ten o Día de Defuntos en Galicia, unhas datas nas que se multiplican os desprazamentos na nosa comunidade. Así, pediu á poboación restrinxir ao máximo as interaccións sociais.
As medidas referentes á limitación de mobilidade perimetral e a restrición de xuntanzas entre conviventes entrarán en vigor ás 15,00 h deste mediodía. No caso das medidas que modifican os límites dos aforos nos concellos, a súa publicación terá lugar mañá no Diario Oficial de Galicia.
As medidas establecidas esta mañá estarán vixentes ata o vindeiro martes, 3 de novembro, data en que o comité clínico volverá reunirse e avaliará se é precisa a súa continuidade.
R.