Sanidade confirma que a evolución epidemiolóxica en Galicia é estable e con tendencia á baixa
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/coronavirus.jpg)
Garcia Comesaña remarcou que a situación epidemiolóxica en Galicia está a estabilizarse, mais incidiu en que é preciso seguir a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias vixentes. Neste senso, aclarou que se as medidas se cumpren dun xeito estrito, as restricións diminuirán, tal e como acontecerá desde esta medianoite, nos oito concellos que pasarán ao nivel 2.
No que atinxe a presión asistencial, o xerente do Sergas, José Flores, salientou que os datos actuais deben ser analizados con prudencia, apelando asemade á responsabilidade individual para continuar mellorando os datos no centros sanitarios galegos. Neste sentido, Flores destacou que a ocupación media das unidades de hospitalización en Galicia descendeu nun 11% durante os últimos 7 días, e nun 3% no referente as camas de críticos.
Respecto da incidencia acumulada nos municipios galegos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, detallou que a tendencia na nosa comunidade segue amosándose “estable con certa tendencia á baixa”, apuntando que esta se sitúa en 275 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, e en 134’80, nas últimas 7 xornadas.
Pola súa banda, os membros do comité clínico, Pedro Rascado, Marina Varela e María Sande, lembraron que é preciso manter unha actitude prudente e cumprir as medidas de contención do virus, poñendo especial énfase na protección das persoas máis vulnerables.
Finalmente, e co gallo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero o conselleiro de Sanidade lanzou unha enérxica mensaxe de repulsa e condena contra calquera tipo de violencia machista.
R.