A Xunta recomenda que as xuntanzas de Nadal se cingan exclusivamente a unha única unidade familiar de conviventes
Por outra banda, no caso de reunirse persoas que pertencen a máis de dúas unidades familiares, o número de persoas adultas que se poden reunir non poderá exceder da cifra de 6. Sobre este último apuntamento, o conselleiro precisou que os nenos e nenas menores de 10 anos non computarían na contabilización global.O responsable da carteira sanitaria galega explicou que “é preciso limitar ao máximo as interaccións sociais durante os vindeiros días, co obxectivo de atallar a expansión do coronavirus na comunidade galega”, destacando que, Galicia permanecerá pechada entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, agás no caso de visitar aos familiares os días de celebración do Nadal, ou por motivos laborais, sanitarios ou educativos.
No que atinxe á mobilidade nocturna e aos horarios de regreso ao domicilio, os días 24 e 31 de decembro, o grupo de expertos que asesora ao Executivo galego fixou as 01,30 horas como límite para retorno ao fogar.
Decálogo de recomendacións para o Nadal
Co ánimo de optimizar as medidas de prevención e reducir ao máximo a expansión do virus Sars-COV-2 durante os festexos, o Comité clínico de expertos definiu un decálogo de medidas a ter en conta durante as vindeiras datas.
Así, e xunto coa recomendación de cinguir exclusivamente as xuntanzas navideñas a unidades de familiares de conviventes, aconsella que na medida do posible estas celebracións teñan lugar en espazos ao aire libre ou con boa ventilación, e en mesas de amplas dimensións.
O decálogo apunta que as mesas deben ser postas pola mesma persoa, quen ademais desinfectará as súas mans dun xeito continuo. Así mesmo, a totalidade dos comensais deberán manter a máscara durante a cea -sempre que sexa posible-, recomendando non compartir nin bebidas nin alimentos durante o festexo.
Nesta mesma liña, o conselleiro de Sanidade subliñou que as unidades familiares que se xunten nas noites do 24 e 31 de decembro deberán de ser as mesmas en ambos días, e non ter carácter rotatorio con outra familia.
Por último, o conselleiro de Sanidade lembrou que as persoas que visiten aos seus familiares durante as festas de Nadal, e procedan de territorios cun alta incidencia epidemiolóxica, teñen a obriga de inscribirse no rexistro de viaxeiros de Galicia, unha conxuntura que pode levar aparellada a realización dunha proba diagnóstica. Estas probas tamén serán extensivas a todos os estudantes que proveñan de fóra de Galicia, -independentemente do lugar de procedencia-, e incluso se lle realizara a aqueles que se desplacen polo interior da comunidade autónoma, sempre que se inscriban no rexistro de viaxeiros.
O titular de Sanidade apelou unha vez máis á responsabilidade cidadá e ao cumprimento das medidas e recomendacións establecidas, incidindo en que “debemos limitar ao máximo os contactos sociais fóra das unidades familiares”, pois ”non podemos tirar pola borda todo o traballo e esforzo que levamos realizado nestes meses”.
As medidas acordadas poderán ser obxecto de modificacións de acordo á evolución epidemiolóxica que rexistre a comunidade galega, así, cómpre lembrar que o vindeiro 21 de decembro volverá reunirse o Comité clínico.
R.
