A Lei de ordenación do territorio entrará en vigor a comezos de 2021 para completar o marco normativo urbanístico e paisaxístico
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/paisaxe_galicia.jpg)
O obxectivo básico da LOT é actualizar e facer máis eficaz o marco normativo urbanístico de Galicia, ao tempo que se simplifica administrativamente a súa aplicación práctica. Nese sentido, o texto reduce a catro o número de instrumentos de ordenación: Directrices de Ordenación do Territorio; Plans territoriais (diferenciando entre integrados e especiais, en función da súa maior ou menor escala e ámbito de afección ambiental); Plans Sectoriais; e Proxectos de Interese Autonómico.
A este respecto, a principal novidade é a creación dos Proxectos de Interese Autonómico como único instrumento de intervención directa no territorio, en substitución dos Proxectos Sectoriais de Incidencia Supramunicipal. A súa función será a de planificar e executar actuacións no territorio que transcendan o ámbito do municipio polo seu impacto territorial, económico e sociocultural, como pode ser a implantación de dotacións urbanísticas ou a ampliación de grandes empresas e infraestruturas públicas como, por exemplo, hospitais.
Máis axilidade administrativa
Outra das novidades é que se fixa un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación co fin de axilizar a xestión administrativa e evitar duplicidades. Deste xeito, someteranse a avaliación ambiental estratéxica, ordinaria ou simplificada, integrando o procedemento ambiental no de tramitación do propio instrumento.
Así mesmo, tamén crea o Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, co que se garante unha maior seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade. Neste rexistro deberán inscribirse todos os instrumentos de ordenación do territorio antes da súa entrada en vigor, unha garantía de que se trata da súa versión definitiva e de que, tanto administracións como cidadanía, poderán acceder ao seu contido.
Cómpre lembrar que a aprobación da Lei de Ordenación do Territorio enmárcase dentro da aposta decidida da Xunta desde hai máis dunha década para poñer a disposición dos galegos máis dunha decena de normas, instrumentos e ferramentas coas que acadar o equilibrio entre o crecemento urbanístico e o económico da Comunidade autónoma. Un corpus normativo ao que se sumarán, en breve, as Directrices da Paisaxe, que nas próximas semanas serán remitidas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.
R.