As farmacias galegas colaborarán na detección precoz de novos casos covid
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/20210203-usc.jpg)
Deste xeito, as oficinas de farmacia galegas ofrecerán kits de saliva ás poboacións diana establecidas pola Consellería de Sanidade, inicialmente ás persoas de entre 40 e 64 anos, para, posteriormente, enviar estas mostras ao Laboratorio de Microbioloxía de Vigo, onde se analizarán. Así, unha vez avaliadas, comunicaráselle o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, realizaráselles unha proba PCR.
Trala xuntanza do grupo de expertos que fai seguimento á evolución da covid en Galicia, Garcia Comesaña apuntou que os derradeiros datos epidemiolóxicos da comunidade galega comezan a desprender certo nivel de estabilidade con lixeira tendencia descendente, tras varias xornadas de ascenso sostido.
Na compaña da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Sergas, José Flores; García Comesaña destacou tamén a incorporación dun novo equipamento que aumentará a capacidade de diagnose do Sergas. Así, estes novos equipos permitirán detectar dun xeito máis rápido e con maior sensibilidade a presenza do virus entre a poboación cribada. Este equipamento incorporarase á totalidade dos servizos de urxencias dos 14 hospitais galegos e, inicialmente, a 24 Puntos de Atención Continuada do Servizo galego de Saúde.
Respecto do Plan de vacinación, o conselleiro de Sanidade remarcou que en Galicia xa se lle administraron as dúas doses da vacina contra a covid-19 a un total de 28.935 persoas. Así, tamén confirmou que na xornada de hoxe comezará a administración da segunda das doses da vacina entre o persoal sanitario de primeira liña.
Durante súa intervención, Garcia Comesaña agradeceu á poboación e ao conxunto de profesionais que traballan no ámbito sanitario, o seu esforzo e dedicación, tanto no cumprimento da medidas establecidas como no desenvolvemento do seu traballo, Neste senso, puxo especial énfase no persoal das unidades de críticos e naqueles profesionais que realizan o traslados de pacientes. Así mesmo, agradeceu á cidadanía que acuda aos chamamentos para participar nos cribados programados polo Sergas, así como ao conxunto de concellos e institucións que participan na sua organización.
No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que nestes intres está a producirse un cambio de tendencia en Galicia, e que estamos nunha fase de “meseta con tendencia decrecente”. A responsable de Saúde Pública destacou o descenso da incidencia acumulada a sete días, fixada no día hoxe en 323 casos por 100.000 habitantes.
A doutora Durán puxo o foco na gran capacidade que está a amosar Galicia na realización de probas diagnósticas, como reflicte o dato de que entre o 22 e o 29 de xaneiro se realizaron máis de 118.000 probas entre test de antíxenos e PCR.
Respecto da presión asistencial, o xerente do Sergas, José Flores, salientou que o derradeiro informe de ocupación hospitalaria rexistra unha ocupación en planta do 16% e dun 42% nas unidades de críticos. Ademais, Flores salientou que dentro da concepción de “hospital único” que está a desenvolver o Sergas, ata a xornada de hoxe, producíronse 26 traslados entre a rede de hospitais galegos, nomeadamente, 19 desde a área de Ferrol e 7 desde a de Pontevedra.
Finalmente, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Souto, amosou a vontade de colaboración entre o Colexio e a administración sanitaria galega no ánimo de frear a expansión da covid-19 en Galicia.
R.