Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CDG dinamiza o sector escénico co novo programa 'Residencias cruzadas', que inclúe nove propostas artísticas

Residencias cruzadas comeza a súa andaina co proxecto Somos teatro. Teatro e inclusión social, creado pola actriz, directora e pedagoga teatral Chusa Pérez de Vallejo, e que procura investigar na inclusión desde unha perspectiva global. A súa proposta concluirá cunha formación en liña aberta a profesionais das artes escénicas e a todas as persoas interesadas en afondar na necesidade de xerar realidades teatrais inclusivas para que a discapacidade non impida traballar en igualdade de condicións. Baixo o título Somos os luns, a parte formativa desenvolverase os luns de febreiro a partir do día 8, de 20,00 a 22,00 h.

Variedade de propostas

O programa continuará a vindeira semana cos proxectos para a reflexión e a experimentación compartidos entre Diana Sieira, creadora de The Witch, e Helena Salgueiro, con Ferro, Federici. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas analizarán do 9 ao 15 de febreiro a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como pano de fondo. Pola súa banda, a partir do día 13, Voadora, con Sincro, e Claudia Díaz Ferro, abordarán os ocos das memorias individuais no relato colectivo.

Asemade, Producións Dispersas, con Mentres dure a canción, e Mónica Sueiro, con 15 minutos, afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo entre o 15 e o 20 de febreiro. Finalmente, do 21 ao 25 deste mes, Anómico Teatro, con Mosaico de Anxos, e Cía. Sr. López, con Manuela Rodríguez é unha inuit, realizarán lecturas complementarias sobre exilios e migracións.

Todas as residencias culminarán con encontros abertos ao público na segunda quincena de marzo. Residencias cruzadas supón para as compañías participantes un novo modelo de traballo, no sentido de que o CDG busca que propostas artísticas con temáticas, imaxinarios, idearios ou formatos semellantes poidan retroalimentarse. Trátase así de fomentar o encontro dos profesionais e de dinamizar o sector escénico a prol do enriquecemento de futuras exhibicións teatrais.
R.