Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Centro Dramático Galego achégalles a escena aos máis novos a través do recurso didáctico 'Das musas ao teatro'

Ademais, contén actividades creativas para a rapazada e un glosario de termos teatrais. Este recurso pedagóxico estáselles a enviar aos centros de ensino que participan no programa de visitas en liña Os segredos do Salón Teatro para traballar nas aulas os diferentes aspectos das representacións e dos espazos onde se desenvolven.

Das musas ao teatro está dispoñible tamén no web do CDG e no portal de Lingua Galega para consulta de todas as persoas interesadas en coñecer as características dalgúns dos teatros galegos máis significativos pola súa historia, así como os principais elementos artísticos e técnicos que se utilizan na escena. O traballo contou coa colaboración do director e dramaturgo Quico Cadaval e do equipo do CDG.

Teatros galegos

A publicación comeza cun percorrido por diferentes espazos teatrais de Galicia, como o Teatro da Beneficencia de Ortigueira, o Teatro Principal de Ourense, e o Teatro Principal e o Salón Teatro de Santiago de Compostela. Tamén se inclúen o Teatro Jofre de Ferrol, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o Teatro Rosalía Castro e o Teatro Colón da Coruña, o Teatro Afundación (antigo García Barbón) de Vigo e o Teatro Principal de Pontevedra. Canto ao Salón Teatro, pódese ver unha ilustración do interior na que se identifican as diferentes zonas de oficinas, de camerinos ou o despacho de billetes, entre outras.

A continuación faise un repaso polos principais elementos das representacións, coas personaxes e máscaras; a luz, cunha explicación dos diferentes recursos técnicos utilizados; e a escenografía, tamén coas correspondentes técnicas. Cada unha destas partes recolle actividades creativas para realizar en papel.

Finalmente, pecha o traballo un amplo glosario de terminoloxía teatral integrado por 76 entradas en orde alfabética coas súas respectivas definicións.

A difusión deste recurso pedagóxico enmárcase no obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de potenciar a interacción entre a realidade educativa e a das artes escénicas, ao igual que o programa de visitas en liña para centros de ensino Os segredos do Salón Teatro. A través deste, o director do CDG, Fran Núñez, guía cada mércores o alumnado dos centros participantes polas instalacións cunha explicación dos diferentes oficios que conflúen para facer posible cada representación.
R.