O número de emigrantes galegos diminúe en 2.349, mentres se incrementou o número de descendentes nados no exterior ata sumar un total de 523.856
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/sociedade-emigrantes.jpg)
O país que rexistra un maior incremento da poboación galega é Arxentina, o que conta cunha maior presenza histórica galega, con 508 residentes máis para sumar 181.416; mentres Venezuela pon o contrapunto a esta tendencia cunha diminución de 968 cidadáns galegos, pasando dos 33.278 que rexistraba o 1 de xaneiro de 2020 aos 32.310 deste ano. O continente americano perde, deste xeito, 371 galegos, sumando un total de 406.651, mentres o europeo aumenta a súa poboación de orixe galega noutros 568 ata os 112.693.
Estas novas cifras alteran lixeiramente o mapa da poboación galega no exterior, que segue a liderar Arxentina, seguida do Brasil con 49.593 e Cuba con 44.283. Suiza superou en 2020 na cifra de galegos, 41.169, a O Uruguai con 40.541. Venezuela continúa perdendo galegos pero mantense no sexto lugar, con 32.310, por diante de Estados Unidos de América con 23.175, Francia con 19.340, Alemaña con 17.600 galegos e O Reino Unido con 15.496.
Nova realidade migratoria
Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar, non só a comunidade, senón toda España. Estas cifras reflicten, ademais, unha consolidación da tendencia migratoria iniciada nos últimos anos, que pon de manifesto o labor fundamental que está a levar a cabo o Goberno galego a través da Estratexia Galicia Retorna.
R.