En trámite máis de 7.000 denuncias recibidas por sancións de competencia municipal relacionadas coa covid

A maioría das infraccións producíronse polo incumprimento do uso obrigatorio da máscara, xa sexa por non levala no interior dos locais de hostalería ou nas terrazas, por non poñela dentro dos vehículos cando se viaxa con non conviventes ou por ir sen ela pola rúa. Aínda que menos numerosas, outras infraccións tiveron que ver co horario de peche dos establecementos ou co incumprimento do chamado toque de queda.
Plan de colaboración
No convenio asinado coa Fegamp o 27 de novembro de 2020 acordouse que, ante a falta de medios dos concellos para a tramitación das sancións que son da súa competencia, a Xunta encargaríase da elaboración, xestión e notificación dos distintos trámites dos procedementos sancionadores. Alfonso Rueda indicou ao respecto que unha trintena de traballadores públicos estanse a ocupar na actualidade destas labores, redactando os acordos de incoación, realizando as notificacións ou tramitando as propostas de resolución, que en todo caso haberán de ser asinadas polos órganos instrutores designados polos concellos.
O vicepresidente primeiro fixo fincapé no esforzo que a Xunta destina a esta encomenda con medios persoais e recursos propios para levar adiante esta colaboración que permitirá que ningún infractor quede impune por poñer en risco a saúde dos demais.
R.