Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Sergas fixa como obxectivo acadar o 60% de asistencia presencial nos centros de saúde

Durante a súa intervención, tamén anunciou que o Consello da Xunta aprobará, na xornada de mañá, a creación da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, un novo departamento que traballará na planificación futura da Sanidade, e dun xeito especial, sobre o ámbito asistencial da Atención Primaria.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta puxo en valor o sistema sanitario integrado co que conta a comunidade galega, salientando que, cada vez son máis as comunidades autónomas que avanzan cara un modelo de xestión semellante ao de Galicia. Neste sentido, remarcou a posta en marcha do “Plan galego de Atención Primaria 2019-2021”, unha folla de ruta que responde “á necesidade de modificar as formas de traballo e de organización”, así como avanzar na “mellora e optimización dos recursos”.

Sobre o Plan, García Comesaña remarcou que das 200 accións prioritarias que incorporaba o documento, “xa se remataron o 96% das accións fixadas a curto prazo”, e “o 88% das proxectadas a medio prazo, xa están iniciadas”.

Co obxectivo de fortalecer a Atención Primaria, o conselleiro lembrou que este Plan foi dotado cun investimento de 8,6 millóns de euros para mellorar o equipamento dos centros de saúde e, no que atinxe aos recursos humanos, o departamento sanitario do Executivo galego “acadou a cobertura do 100% das 45 prazas creadas no 2019; o 80% das 102 prazas creadas no 2020, ademais de avanzar na próxima cobertura das 161 novas prazas fixadas para este ano”.

Entre as iniciativas deseñadas para desenvolver a Atención Primaria en Galicia, García Comesaña tamén destacou o documento “Por unha Primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, no que se avoga por dotar dunha maior autonomía aos centros, ao tempo que se aposta por innovar e xestionar os recursos humanos a nivel local. Ademais, explicou que o Servizo Galego de Saúde está a analizar os futuros Plans de Saúde Locais, nos que se potenciarán as figuras dos xefes e coordinadores de servizo, e nos que cadanseu proxecto deberá adaptarse, dun xeito específico, ás necesidade do seu territorio.

Por último, García Comesaña, pechou a súa intervención expoñendo que a Consellería de Sanidade “tamén está a traballar en mellorar a atención non presencial”, enumerando, entre as ferramentas empregadas para conseguilo: a implantación das videoconsultas, a posta en marcha da nova aplicación Sergas Móbil ou o novo sistema informático CRM que permitirá xestionar dun xeito máis áxil, as interaccións cos pacientes.
R.