As praias galegas obteñen 111 bandeiras azuis e a comunidade suma o maior número de sendeiros galardoados do Estado
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/bandeira-azul.jpg)
En canto ás bandeiras para portos deportivos, son un total de 11 (6 en Pontevedra, 6 na Coruña e 1 en Lugo); os centros azuis galardoados son 13 (6 en Pontevedra, 4 na Coruña e 3 en Lugo); e a vintena de sendeiros distribúense entre os 9 de Pontevedra —que en total, ao ser algún unha rede, son 18 rutas—, os 6 da Coruña e os 5 de Lugo.
Nesta edición, Sanxenxo volve repetir o concello tanto de Galicia como do conxunto do Estado con máis bandeiras azuis nas súas praias, con 17, ademais de sumar distincións para tres portos deportivos, unha rede de sendeiros e un centro. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén a cidade de Vigo, que suma 10 areais e unha rede de sendeiros; Cangas do Morrazo (7 praias, un porto e un sendeiro); Marín (5 praias, dous centros e unha rede de sendeiros); e Baiona (6 praias e un porto), que nesta edición recupera o distintivo para os areais de Barbeira, Concheira, Os Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta.
Na provincia da Coruña, o municipio de Arteixo é o que máis bandeiras azuis obtén para as súas praias, un total de 7; seguido da cidade da Coruña (5 areais, ademais dun porto e un sendeiro); e Oleiros (5 areais e tamén un sendeiro).
Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz volve ser o concello con máis praias galardoadas, con 5: A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás; mentres que Barreiros recupera a bandeira azul para o areal das Pasadas, ademais de continuar con bandeira nas de Acantilado-Remior e Coto.
Criterios de excelencia
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis en praias e portos están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente, a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas. Pola súa parte, os centros e sendeiros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.
O municipio que queira optar a estas distincións debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, unha memoria de actividade, xunto coa súa candidatura, que acredite o mantemento da súa condición en anos sucesivos.
A Xunta felicita a todos os concellos galardoados con estes distintivos polo recoñecemento que supoñen á calidade e aos servizos das súas praias, portos, sendeiros e centros. Así mesmo, tamén cómpre subliñar o esforzo realizado o ano pasado polos municipios para acadar os estándares de seguridade esixidos neste tipo de espazos por mor da covid, reforzando así a imaxe de Galicia como destino turístico seguro.
Neste sentido, hai que lembrar que debido á pandemia moitos concellos costeiros adoptaron solucións tecnolóxicas ou mesmo contrataron persoal de vixilancia para controlar o aforo nas praias durante o verán, ao tempo que reforzaron as medidas de hixiene e limpeza de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.
R.