Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia adiantará unha semana a vacinación das persoas maiores de 60 anos que recibiran a primeira dose de Astrazeneca

Neste sentido, apuntou que, previsiblemente, a semana que ven definiranse novos protocolos e medidas que “permitan saír do letargo provocado pola pandemia”.

O responsable de Sanidade convidou á poboación galega a acudir a súa cita de vacinación para continuar a mellorar os bos datos epidemiolóxicos que reflicte, arestora, a comunidade galega. Así, instou aos galegos e galegas a continuar a manter a prudencia amosada no que respecta ao cumprimento das medidas establecidas.

García Comesaña lanzou un chamamento á poboación que nestes intres está a ser citada para vacinarse, ao detectase un lixeiro descenso na adherencia á vacinación nos grupos de idade máis novos. Neste sentido, o conselleiro subliñou que “as persoas con menor idade non son alleos a esta enfermidade”, lembrando que “as unidades de coidados intensivos galegas, atenden nestes momentos a persoas de 38, 25 e 22 anos”.

Sobre o proceso de vacinación, García Comesaña detallou que a comunidade galegas xa leva administradas un total de 2.287.608 vacinas. Dun xeito desagregado, 950.955 galegos e galegas xa contan coa pauta completa de inmunización; mentres que 483.228 persoas xa contan coa primeira das doses da vacina.

Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores, repasou a presión asistencial dos centros sanitarios galegos. Neste senso, explicou que, na actualidade, son 42 as unidades de hospitalización ocupadas por pacientes covid-19, e que 14 pacientes precisan de asistencia nas unidades de coidados intensivos.

José Flores destacou o traballo do persoal de enfermaría en todos os seus niveis asistencias, así como o do conxunto de profesionais que integran o Servizo Galego de Saúde. O xerente do Sergas remarcou que “eles e elas son os responsables de que esteamos nesta boa situación”.

No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, cualificou a situación de Galicia de “estable con tendencia a baixa”. Nesta liña, achegou diferentes datos que confirman a boa tendencia da pandemia na comunidade. Nomeadamente, a incidencia acumulada en Galicia a 7 días sitúase en 20 e, na súa evolución a 14 días, fica en 41. En ambos casos, os indicadores sitúan a comunidade galega na metade da media nacional.

En canto ao numero reprodutivo instantáneo, nestes intres é do 0’93% e, o rango de positividade das probas diagnósticas oscila entre o 1’7 e o 2%. A doutora Durán informou que entre os días 4 e 10 de xuño, Sanidade realizou máis de 39.000 probas diágnosticas, e puxo tamén en valor os 98.656 test de saliva que se levan realizados nas farmacias galegas, e cos que se puideron detectar 267 casos asintomáticos.

A responsable de Saúde Pública rematou a súa intervención resumindo o número de casos detectados en Galicia nas diferentes variantes do coronavirus. En concreto, desde o inicio da pandemia, a denominada cepa británica continúa a ser a predominante na comunidade cun 91% de circulación, e 721 casos secuenciados; da variante surafricana notificáronse 36 casos (23 deles secuenciados), 93 casos da variante brasileira, e 23 da variante da India. Por último, indicou que tamén se teñen detectado 3 casos da cepa nixeriana, 11 da neoiorquina e 6 da variante colombiana.

Soamente tres concellos en nivel medio

Durante a xuntaza que mantivo onte o comité clínico, e tras avaliar a situación epidemiolóxica do conxunto de concellos galegos, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia, acordou establecer o nivel medio de restricións nos concellos de Camariñas, Malpica de Bergantiños e Soutomaior.

Deste xeito, desde o vindeiro sábado, 19 de xuño, un total de 310 municipios ficarán con medidas restritivas do nivel medio-baixo. Así, soamente o 0,67% da poboación galega deberá cumprir as medidas do nivel medio, mentres que, o 99,33% da poboación, deberán respectar as medidas do nivel máis básico de restricións.
R.