O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán arranca o venres en Santiago
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na rolda de prensa de presentación da nova edición do Festival Agustín Magán que arranca o venres en Santiago. No seu vixésimo aniversario diversificará os espazos das representacións e organizarase unha mención homenaxe con motivo do centenario de Agustín Magán.A iniciativa, que conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia, está impulsada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e as obras que participan son cada ano seleccionadas por un xurado e representan as propostas máis salientables dos grupos federados das catro provincias galegas.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu á organización e aos participantes o seu esforzo por manter viva esta iniciativa “que constata o forte que segue a ser a nosa escena”, indicou. Do mesmo xeito, valorou moi positivamente a traxectoria deste festival que nos últimos anos “está a actuar de estímulo á creación na cultura de base, á innovación e á mellora da calidade do teatro amador galego”, expresou.
Anxo M. Lorenzo recordou tamén o apoio do Goberno autonómico a Fegatea, que cumpre este ano 21 anos de andaina e que, ademais, foi premiada co Premio da Cultura Galega 2020 polo seu labor nas artes escénicas ao longo de dúas décadas.
Tres escenarios
A programación arrancará o venres 17 de setembro ás 20,00 horas no Teatro Principal a cargo de A.C. Teatrino e a comedia Lisístrata. O Teatro Principal acollerá tamén as sesións do sábado 18 con Paso Valverde e o espectáculo de monicreques Carolina Ultrasónica e do domingo 19, con Teatro Escoitade e a representación Dominó Celeste Que vai ser de ti Ernesto?.
As funcións continuarán o venres 24 de setembro, neste caso no Centro Sociocultural de Santa Marta-Sala Agustín Magán, ás 19,00 horas con A Tequerreté Teatro e a comedia Confinad@s. O sábado 25 tamén no mesmo escenario e á mesma hora actuará Axóuxere Teatro con Facendo as partixas.
O Festival rematará no Salón Teatro. As representacións arrancarán o venres 1 de outubro ás 20,00 horas con FarandOleiras Cabaré que interpretarán Olimpo’s. O sábado 2 de outubro a quenda será para Farándula Vetulina con A derradeira bala. A última representación será o domingo 3 de outubro con Andaravía Teatro e a peza Xacovedra.
Para rematar as actividades desta vixésima edición, o día 3 de outubro a partir das 19,30 horas acollerá unha homenaxe a Agustín Magán, que lle dá nome ao festival. Contarase coa presenza da súa familia, do grupo que formou e dirixiu durante anos, Ditea, entre outros.
R.
